A Xunta dá 3 millóns de euros a residencias privadas mentres recorta na comida para residentes nas públicas

A CIG denuncia que a Xunta ampliou os seus concertos con residencias privadas en 700.000 euros (até os 2,7 millóns) mentres nas públicas aplica a tesoira. Entre os recortes, a redución nun 50% do orzamento para a comida por residente nos centros públicos. 

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publicaba esta semana un anuncio polo que se orzamentaban 690.000 euros para residencias de maiores privadas. Unha cantidade que eleva a máis de 2,7 millóns de euros a cantidade que, afirma a CIG, a Xunta está a destinar a este tipo de centros. E iso mentres, denuncia a central nacionalista, nas residencias públicas están a sofrer importantes recortes.

Este sindicato considera que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, está a consolidar nesta recta final de verán “a folla de rota para traspasar a empresas privadas a atención a persoas maiores”.

Nada de verdura ou peixe fresco

A CIG denunciara recentemente que os recortes que a Xunta estaba a aplicar nas residencias de maiores públicas eran constantes. Entre os recortes aplicados pola Consellaría neste mes de agosto, sinalan dende a Sección Sindical, está a redución de 3 euros (50%) no orzamento para a comida por residente. Isto obriga a deixar de comprar verduras, carne ou peixe frescos -máis adecuados ás necesidades alimenticias das persoas maiores-  que son substituídos por produtos conxelados e precociñados, ao igual que ocorre co aceite de oliva.

A isto engaden a posta en práctica dunha norma do Sergas, que estabelece que cada residente con problemas de contención só disporá de 3 compresas para o día e 1 cueiro para a noite. Os recortes tamén afectan á renovación de material avariado, obsoleto ou necesitado de recambios (camas, grúas, cociñas, fornos, lavadoras, calandras, secadoras).

Comparecencia

Fronte a este deterioro na prestación e na calidade nos centros dependentes de Benestar, dende a representación sindical do persoal laboral que traballa en residencias de maiores e centros de menores dirixíronse aos grupos con representación no Parlamento galego, para soliciten a comparecencia por vía de urxencia da conselleira de Traballo e Benestar, pois a cidadanía “debe ser informada desta situación de agresión aos servizos sociais, cando se recorta en necesidades básicas de atención directa e non se achegan solucións”.