Na Galiza hai 5.225 casos activos de violencia de xénero

Cartaz contra a violencia machista nunha protesta recente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

79 mulleres están en risco alto segundo o sistema Viogén e 89 teñen menores ao seu cargo.

O Ministerio do Interior ten no Sistema VioGén 5.225 casos activos de violencia de xénero activos na Galiza, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio do Interior relativos ao mes de xuño. No total estatal, son 92.134 casos, 2.670 máis que hai un mes (89.464), coincidindo co inicio de verán e co incremento de asasinatos machistas.

En concreto, na Galiza 2.443 casos están en risco baixo, 858 en risco medio, 79 en risco alto e hai un caso rexistrado en risco extremo, mentres que en 1.844 non se aprecia risco. Destes 5.225 casos activos de violencia de xénero dos que dá conta o Ministerio, 89 son con menores a cargo da vítima, 4 dos cales son considerados de risco alto.

A nivel estatal, o Sistema VioGén ten 92.134 casos activos de violencia de xénero, dos que 47.938 son con menores a cargo da vítima. En concreto, 23 están en risco extremo, 1.490 no alto, 13.906 no medio, 40.754 en baixo e en 35.961 non se aprecia.

Por comunidades, o maior número de casos activos está en Andalucía, con 24.381; séguelle o País Valencià, con 14.955; a Comunidade de Madrid, con 11.358; Canarias, con 6.061; Galiza, con 5.225; Murcia, con 5.222; Castela e León, con 4.517; Castela-A Mancha, con 5.111; Baleares, con 4.039; Estremadura, con 2.525; Aragón, con 2.371; Asturias, con 1.989; Navarra, con 1.782; Cantabria, con 1.317; A Rioxa, con 803; Ceuta, con 252; e Melilla, con 226.

Doutra banda, os datos de Interior reflicten que ao 30 de xuño deste ano hai un total de 1.571 casos no Sistema VioGén con menores en risco de ser agredidos polo maltratador da súa nai (29 máis que os rexistrados ata o 31 de maio). Destes, tres atópanse en risco extremo, 174 no alto e 1.394 no medio. Tamén mostran que hai 147 casos con menores en situación de vulnerabilidade alta e extrema.

En total, no Estado español este 2024 foron asasinadas presuntamente pola súa parella ou ex parella 27 mulleres, 1.271 desde 2003, cando se empezaron a solicitar datos. Ademais, este ano nove menores foron vítimas de violencia de xénero.