Saúde

O Ministerio de Sanidade convoca reunións a vindeira semana para analizar a emerxencia internacional por mpox

A ministra de Sanidade, Mónica García, nunha recente comparecencia ante os medios en Moncloa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A OMS declarou esta cuarta feira a emerxencia sanitaria internacional polo gromo de varíola do mono en África.

O Ministerio de Sanidade avanzou esta quinta feira que a vindeira segunda, 19 de agosto, convocará unha reunión dun grupo técnico para pór en común e discutir as posíbeis actuacións que se deriven da emerxencia sanitaria internacional declarada na cuarta feira pola OMS a raíz do gromo de mpox —enfermidade tamén coñecida como varíola do mono— en África.

No encontro participarán representantes do Centro Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, o Centro Nacional de Epidemioloxía, o Centro Nacional de Microbioloxía e mais a División de VIH e Vacinas. Ese mesmo día, o Goberno español participará do Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea xunto ao resto de países para analizar a situación. Ademais, o Ministerio comunicou que se reunirá o día 20 o 'relatorio de alertas', integrado por representantes de todas as comunidades autónomas para debater se se modifica algunha recomendación de vixilancia ou vacinación a respecto da mpox.

Desde o inicio do gromo en 2022 notificáronse no conxunto do Estado español un total de 8.104 casos confirmados de infección por mpox, dos que 130 corresponden á Galiza —seis deles ao longo do presente ano—. A maioría dos casos danse en homes cunha mediana de idade de 37 anos e nados en diferentes puntos do Estado.

Desde o Ministerio lembran tamén que a vacinación comezou en xuño de 2022 e as indicacións actualmente son para grupos de risco: persoas que manteñen prácticas sexuais de risco, especialmente pero non exclusivamente persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ+, contactos estreitos de positivos que non pasasen a enfermidade e persoas con risco ocupacional.

Este último é o caso de persoal sanitario en consultas especializadas en atención de ITS/VIH que atende persoas con prácticas de alto risco, así como persoal de laboratorio que manexa mostras potencialmente contaminadas co virus mpox ou persoal que se encarga da desinfección de superficies en locais específicos onde se manteñen relacións sexuais de risco, sempre que non se poida garantir o uso adecuado de elementos de protección individual.

A OMS decretou a emerxencia de saúde pública de preocupación internacional, o seu nivel de alerta máis alto, polo gromo de mpox en África, xurdido na República Democrática do Congo (RDC) e causado por unha nova cepa máis grave e letal. O número de casos no que vai de ano superou o total do ano pasado, con máis de 14.000 diagnósticos e 524 mortes.