Confírmase o veto á CIG no evento ministerial de Compostela

Bandeiras da CIG e da patria galega (Foto: Nós Diario).
Paulo Carril, secretario xeral da CIG considera este feito "gravísimo porque sexa a CES, que á fin, é unha rexional dunha internacional, quen vete a presenza doutro sindicato".

O Secretario de Estado de Emprego vén de comunicar ao Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, o veto á participación da central sindical nacionalista no evento ministerial previsto para a tarde desta quinta feira.

Segundo explicou o secretario de Estado é a Confederación Europea de Sindicatos, CES, quen veta a presenza da central sindical.

Mantense, porén, a xuntanza prevista co Comisario Europeo para esta sexta feira de 14 horas a  15 horas.

Por iso Carril denuncia que “resulta grave que si reciba a CIG un Comisario europeo, pero que o Ministerio español acepte o que lle digan a CES, UXT e CC.OO.”.

Segundo explicou o Secretario de Estado, a CES entende que o sindicato non forma parte desta confederación e que, polo tanto, sendo este un cumio social europeo no que está na CES, non pode estar a CIG.

"Gravísimo"

Carril considera este feito “gravísimo porque sexa a CES, que á fin, é unha rexional dunha internacional, quen vete a presenza doutro sindicato”.

A este respecto incide en que “o máis clamoroso é que UXT e CC.OO. participan disto calando a boca”. Por iso entende que “isto non é a CES, impútanllo á CES porque foi o brazo executor, porque se fora quen tomara a iniciativa é porque hai un consentimento, unha aprobación de CC.OO. e UXT de que iso tivese lugar”.

O secretario xeral da CIG, que cualifica esta decisión de “lamentábel”, manifesta o seu rexeitamento a que o Ministerio de Traballo “consinta un veto a un evento convocado polos Ministerios, sendo ademais o Ministerio español o anfitrión”.

Subliña ademais que “non ten antecedentes que se nos desconvoque dúas horas  antes do inicio das sesións de traballo” e conclúe considerando que isto “fai máis grave aínda que se deixen extorsionar, que se deixe arrastrar, que se deixen condicionar ou que obedezan a un veto sindical, deixando sen efecto os dereitos de participación institucional que a CIG ten recoñecidos por lei”.