Miño denuncia ante o Seprona os danos dunha corta sen permiso nunha zona de valor ambiental na Fraga dos Muíños

(Foto: Concello de Miño)
Búscase a empresa responsábel da corta de 300 metros na contorna dun carreiro distinguido polo seu alto valor ambiental. 

O Concello de Miño, comarca de Betanzos, acaba de presentar unha denuncia perante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) unha denuncia por delito ambiental contra a empresa que realizou unha corta na contorna da Fraga dos Muíños no río Xarío sen ter ningún tipo de autorización por parte do Concello.

O Concello considera unha "imperdoábel falta de respecto polo patrimonio natural e un grave incumprimento das normas", máis se cabe cando esta actuación levou a cabo nun itinerario que vén de ser distinguido co distintivo de Sendeiro Azul polo seu valor ambiental.

Desde o primeiro momento que o Concello tivo coñecemento deste asunto, afirma, "iniciou os trámites para atopar os responsábeis deste desastre mediambiental para esixirlles a reparación dos danos causados, unha investigación que agora continuará o Seprona para tratar de esclarecer os feitos".

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, confía “en que se logre atopar a empresa responsábel para poder proceder á reparación dos danos causados nun tramo de 300 metros ao carón deste paseo que dende o Concello tratamos de promover, pór en valor e, por enriba de todo, coidar”.