Miranda pide unha reunión con Juncker sobre o fuso horario galego

Declaracións de Ana Miranda no Parlamento europeu

A decisión da Comisión Europea de pór fin ás mudanzas horarias ten como consecuencia que se deberá optar ou polo horario de verán ou polo de inverno. No debate o BNG quer que o fuso horario da Galiza se axuste, para "corrixir o desfase entre a hora oficial e a solar". Ana Miranda dirixiuse esta segunda feira por carta ao presidente da Comisión, o luxemburgués Jean Claude Junker, para solicitarlle unha reunión en que analisar este asunto.

Na misiva que dirixe a Juncker, Miranda explica que Galiza se atopa no fuso horario GMT-1 —dada a súa situación xeográfica—, en tanto que a hora oficial que rexe no noso país é a española, GMT+1. O que compriría sería adaptar o horario galego ao seu meridiano e asumir así a hora que vigora en Irlanda, Reino Unido, Portugal ou as Illas Canarias, defende a eurodeputada do BNG na súa comunicación ao presidente da Comisión Europea.

 

Este é o momento de dar o debate, salienta Miranda, quen pon en destaque a "ampla participación" cidadá —por volta de 5 millóns de persoas— na consulta telemática promovida pola propia Comisión en relación á necesidade de suprimir ou non as mudanzas horarias. O resultado foi masivamente favorábel á súa eliminación.

 

Miranda salienta que "a implantación do horario vixente no estado español debeuse a unha decisión política durante o franquismo" [para España ter o mesmo fuso horario que Alemaña] e que a necesidade de proceder á adaptación da hora oficial á solar conta co apoio da "Comisión Nacional para a racionalización dos horarios españois".