Un móbil cargando, posíbel causa dun incendio que case calcina unha casa por completo en Nigrán

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Segundo informa o 112 Galiza, a ocupante do domicilio, que neses momentos se atopaba no interior, chamou á central de emerxencias para avisar de que había chamas saíndo do inmoble situado na rúa de Tinde, en Parada, no concello de Nigrán.

Un móbil que estaba a cargar pode ser a causa dun incendio que, aínda que non causou danos persoais, si calcinou varias estancias dunha vivenda na madrugada desta sexta feira en Nigrán (comarca de Vigo).

Segundo informa o 112 Galiza, a ocupante do domicilio, que neses momentos se atopaba no interior, chamou á central de emerxencias para avisar de que había chamas saíndo do inmoble situado na rúa de Tinde, en Parada.

No momento da chamada xa estaban presentes os membros do GES de Val Miñor, pero o 112 solicitou a intervención dos bombeiros do Morrazo, da Garda Civil, da Policía Local de Nigrán e de Protección Civil.

O GES encargouse de controlar e apagar o fogo, tras o cal comunicou que as chamas se propagaran desde unha das habitacións, na cal colapsou o teito, e afectou toda a vivenda. Así mesmo, sinalaban ao teléfono móbil que estivo a cargar toda a noite como posíbel orixe.

Incendio en Boiro

Por outra parte, tamén na madrugada da sexta feira o 112 Galiza recibía varias chamadas de particulares desde Boiro (comarca do Barbanza) para indicar que había un coche estacionado no garaxe dun edificio da rúa Círculo cuxa parte dianteira estaba a arder.

Os veciños, que abandonaron as súas vivendas por precaución, apuntaban que o fume procedía da parte baixa do edificio.

Para o operativo, foron informados Urxencias Sanitarias da Galiza-061, os bombeiros de Boiro e Ribeira -aínda que estes últimos non chegaron a intervir-, a Garda Civil e Protección Civil.

Os bombeiros extinguiron o incendio e, posteriormente, ventilaron o garaxe.