Mobilización en Ribeira pola "vergoñenta" falta de médicos

Concentración de persoal ante o centro de saúde (Foto: Nós Diario)
A carencia de persoal afecta o centro de saúde e consultorios periféricos.

A falta de médicos no centro de saúde de Ribeira (O Barbanza) e nos consultorios periféricos do concello, situados nas parroquias de Aguiño, Corrubedo e Palmeira está a xerar unha situación "crítica", en palabras do propio persoal sanitario, que levou a que na mañá desta sexta feira houbese concentracións para denunciar esta carencia.

A concentración foi convocada polo propio persoal do centro de saúde de Ribeira e contou co apoio da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Barbanza. A falla de persoal "é algo crónico e con perspectivas de empeorar. O que está a pasar aquí e en toda a comarca é vergoñento" afirmaron a Nós Diario fontes do persoal sanitario ribeirense.

A situación que padecen actualmente no centro de saúde é que de 10 médicos da quenda da mañá hai só 5 operativos; mentres que dos  3 de tarde, hai 2. Ademas, a médica de Corrubedo está atendendo, ademais desta parroquia, a de Palmeira. E en Aguiño de 2 médicas que corresponden está un só médico unhas horas da mañá. 

A situación que se vive desde hai semanas a respecto da falta de persoal deriva da ausencia de varios médicos, debido a que non se cobren dúas prazas que quedaron vacantes, nin tampouco se substitúen baixas prolongadas, así como outras eventualidades polas faltas xustificadas dalgúns facultativos.

Atención Primaria

A situación da Atención Primaria (AP) na Galiza leva anos acumulando queixas e protestas de usuarias, usuarios e profesionais pola falta de medios e de persoal. A deterioración do servizo ten un dos seus exemplos na progresiva perda de médicas e médicos. O persoal médico de Atención Primaria descendeu en 2023 a 2.604 profesionais, o que se traduce en 39 menos que un ano antes. Cada mes que pasou, tres facultativos e facultativas menos. De feito, na AP galega non había tan poucas médicas e médicos desde hai seis anos, en 2018, cando eran 2.602, dúas menos que agora. Un repaso ás hemerotecas permite comprobar como había un consenso en considerar aquel número como máis que insuficiente. Camiño de se facer unha década desde aquela, a cifra apenas variou.

 En 2021 as médicas e médicos de familia eran 2.665, 22 máis que en 2022 e 61 máis que en 2023