A mocidade galega destina a metade do seu salario ao aluguer dunha vivenda

Vivendas na cidade histórica de Compostela. (Foto: Nós Diario).

8 de cada 10 mozas do Estado español non poden emanciparse.

As mozas e os mozos galegos destinan a metade do seu salario ao aluguer dunha vivenda, ao ser o prezo medio do aluguer 531 euros e quedar restantes outros 519, segundo informou o portal inmobiliario Pisos.com. En Baleares, Madrid, Catalunya e Canarias deben destinar a totalidade.

En contraposición, existen outras dez comunidades autónomas nas que a renda mensual oscila entre os 250 e 660 euros. Estas son Galiza, Aragón, Andalucía, Murcia, Castela-A Mancha, Asturias, Navarra, Estremadura, Castela e León e A Rioxa.

O salario medio dunha persoa nova no Estado español no último semestre do ano pasado foi de 1.050,77 euros netos ao mes. Tendo en conta que a media estatal do aluguer se sitúa en 1.062,90 euros mensuais (un 8,5% máis que no mesmo período do ano anterior) deixaría a mocidade cunha débeda de 12,13 euros nas súas contas tras o pago da renda.

Nas Illas Baleares o aluguer sitúase en 1.615,35 euros, co que se estarían excedendo en 564,58 euros; en Madrid, con 1.556,34 euros e un balance de -505,57 euros; Catalunya, con 1.190,70 euros e -139,93 euros; e as Illas Canarias, con 1.149,30 euros e -98,53 euros.

"A situación das mozas e dos mozos é moi delicada no noso Estado, xa non no que a adquirir unha vivenda en propiedade respecta, senón para algo que antes era moito máis sinxelo como emanciparse e atopar unha residencia de alugueiro", explicou o director de Estudos de Pisos.com, Ferran Font.

Non moi atrás aparecen outras zonas nas que, aínda que o pago da renda quedaría cuberto, deixaría moi pouca marxe para pagar as subministracións básicas como luz, auga, gas e Internet. Aparecen así Cantabria, onde "sobrarían" 139,68 euros sobre o pago da renda; ou o País Valencià e Euskadi, con alugueres medios de 901,80 euros e 880,20 euros respectivamente, que deixarían pouco máis de 150 euros para outros gastos.

Segundo datos de Eurostat, a idade media de emancipación no Estado español sitúase nos 30,4 anos, a cuarta máis elevada da Unión Europea, tendo por diante unicamente Grecia, Croacia e Eslovaquia, e quedando significativamente afastada da idade media comunitaria (26,3 anos).

"Ademais, o último Observatorio da Emancipación publicado recentemente polo Consello da Mocidade de España (CME) móstranos que no segundo semestre de 2023 a taxa de emancipación era só do 17%, ou, noutras palabras, que 8 de cada 10 mozas e mozos do Estado español aínda non se marchou da casa", detallou Font. "Vendo todos estes condicionantes non é de estrañar que cada vez sexan máis as persoas que ven obrigadas a compartir piso, pois o nivel de salarios actual non corresponde en absoluto cos prezos da vivenda, cuxa tendencia alcista non parece que vaia deterse a curto prazo", sentenciou o director de Estudos de pisos.com.