Mala ou moi mala: a calidade do aire en Vigo empeora por mor dos incendios de Portugal

Un peregrino camiña durante a saída do sol no Monte do Gozo (Compostela) este 19 de setembro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A Galiza volveu amencer co sol tinguido de vermello porque parte da luz solar debe atravesar unha densa capa de nubes que conteñen fume

A calidade do aire de Vigo empeora e sitúa varios puntos da cidade en alerta por 'moi mala' e 'mala' calidade como consecuencia dos incendios que arrasan o norte e centro de Portugal.

Segundo Meteogalicia, a estación de Coia e a que se atopa perto da fábrica de Stellantis son as que ofrecen os peores resultados e puntan unh calidade do aire 'moi mala' debido ao contaminante PM2,5 (partículas en suspensión de menos de 2,5 micras).

Pola súa parte, a estación de Lope de Vega e a do polígono de Balaídos apuntan unha calidade 'mala' debido ao contaminante PM10, como as emitidas directamente á atmosfera por fenómenos naturais como os incendios.

O resto da Galiza, menos en Cee (Fisterra) onde a calidade do aire tamén é 'moi mala', atópase nunha situación favorábel ou boa.

Meteogalicia precisa na súa páxina web que se espera a chegada de "masas de aire africano" polo que os niveis destas partículas poderán incrementarse a medida que avance o día. Ademais, os niveis elevados das partículas PM2,5 nas Rías Baixas e nas comarcas litorais da Coruña "son consecuencia dos lumes de Portugal".

Recomendacións

Desde Meteogalicia piden seguir diferentes recomendacións para protexer a saúde, xa que as condicións do aire afectan a toda a poboación.

En lugares coa calidade do aire 'moi mala' recomendan, tanto a grupos de risco como á poboación xeral, evitar toda a actividade física no exterior e considerar realizar as actividades no interior ou pospolas para cando o aire sexa bo ou moderadamente bo.

Lúa e sol vermellos

Outra consecuencia dos incendios, ao igual que sucedeu esta cuarta feira, foron as vistas desde varios puntos do territorio tanto da lúa como do sol tinguidos de vermello.

A explicación deste fenómeno, segundo fontes de Meteogalicia consultadas por Europa Press, débese a que é un "efecto óptico" no que parte da luz do sol debe de atravesar unha densa nube que contén fume procedente dos incendios.