Máis

O Monte Louro en Muros

A praia de Area Maior ao pé do monte Louro (Muros). (Foto: José Conxo)
Onde as nubes tocan o ceo e impulsan a chuvia.

Entre a Costa da Morte e as Rías Baixas eríxese na comarca de Muros, o Monte Louro, de 241 metros de altura. Este monte está catalogado como Punto de Interese Xeolóxico a nivel peninsular, debido ao seu carácter único para o estudo e interpretación das formacións rochosas.

Tamén cabe destacar a aparencia da formación rochosa, cuxas pedras de granito, tras anos de erosión, fican moldeadas con pequenas fendas, covas e cavidades en forma de cuncas, popularmente tamén coñecidas como cacholas. Outra particularidade deste punto xeolóxico é que, malia a altura do monte, baten nel as nubes do Atlántico provocando con frecuencia inxente chuvia, unha situación que se reflicte no refrán "Monte Louro con touca, agua moita ou pouca".

Ademais, a súa beira está a lagoa de Louro ou das Xarfas co seu ecosistema dunar protexido cara á praia de Area Maior, co que conforma un espazo natural catalogado como Zona Especial de Conservación (ZEC). Esta protección ampara a rexión entre a punta do Sinal, no Monte Louro en Muros, até o illote dos Forcados de Carnota (Muros). Pola súa parte, a zona marítima que rodea este espazo protexido tamén é senlleira, sendo Reserva Mariña de Interese Pesqueiro pola Confraría de Lira (Carnota).

Asemade, nas mencionadas dunas xunto á lagoa de Louro predomina unha curiosa flora entre a que destaca a cebola de mar, a azucena de mar ou o cardo mariño que convive coa fauna avícola do acuífero, con paxaros como o porrón moñudo ou a garzota (ave da familia da garza). Con todo, a contorna do monte e da lagoa tamén ofrecen recursos como o areal de San Francisco, con servizos como os cursos de windsurf ou o cámping, a pouca distancia da praia e delimitado pola antiga muralla do convento de San Francisco. Do outro lado do monte, atópase a praia de Area Maior, de grande extensión -1.400 metros- e, incluso, apta para a práctica nudista. Sen dúbida Louro é un lugar onde atopar o que un desexa.

Monte e lagoa de Louro
Louro (Muros) / Coordenadas: 42°44′34″N 9°04′56″W