O monte veciñal, "propiedade singular da Galiza", busca chegar ao Parlamento

Montes comunais de Santiago de Covelo. (Foto:Nós Diario).
O monte comunal galego comeza a recoller sinaturas para poder defender no Parlamento da Galiza as vantaxes "dun ben común que temos todas as galegas e galegos, unha forma de posuír distinta".

As comunidades de montes galegas integradas na Organización Galega de Comunidades de Montes comezaron a pasada sexta feira a planificar a recollida das 10.000 sinaturas necesarias  para avalar a ILP rexistrada no Parlamento galego por esta organización. 

As comunidades de montes piden o apoio da cidadanía para facilitar o debate e lograr unha lei que protexa os montes comunais galegos do espolio da industria madeireira. 

Teñen de prazo até o 31 maio para recoller todos os apoios necesarios. Segundo avanza Xosé Alfredo Pereira a Nós Diario, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, axiña darán a coñecer o calendario de eventos nos que todas as persoas que teñen dereito ao voto na Galiza poderán colaborar coa súa sinatura.

Agresións continuas

A Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas forestais, madeireiras, eólicas ou mineiras poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais.

A Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Orgaccmm tenta frear este "latrocinio dos montes veciñais". Neste sentido, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciña ou veciño comuneiro.

"O que pretende o PP é que os montes veciñais entren no dereito romano e a partir de aí se poidan herdar, vender, dividir, embargar...", denuncia Pereira.

Propiedade singular

O que buscan coa súa proposta é que se recoñeza o monte veciñal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. 

"Reclamamos unha fiscalidade axustada á figura do monte veciñal e ás súas funcións e que se recoñeza como un ben medioambiental e cultural".

A ILP recolle, ademais, outras demandas como a anulación das "usurpacións e ocupacións ilegais" e a defensa do monte comunal "como propiedade singular da Galiza que representa un ben común para toda a sociedade, multifuncional e sostíbel. É unha forma propia de posuír que temos os galegos e galegas".

O futuro, en mans mans da veciñanza

Neste sentido, Xosé Alfredo Pereiro lembra que representantes da ONU e da FAO insisten en que "a solución do forestal pasa porque as terras non estean acaparadas por unhas poucas mans e porque estean gobernadas polos seus titulares. Pois iso levámolo facendo na Galiza desde tempos inmemoriais e quérennolo segar", conclúe.