Entrevista

Montserrat Calvo, avogada: "O auto do TXUE sobre a eólica desautoriza a Xunta"

A avogada especializada en dereito ambiental Montserrat Calvo. (Foto: Nós Diario)

Montserrat Calvo Ríos é unha avogada compostelá con ampla experiencia en materia de dereito ambiental, como acreditan os casos das anulacións das autorizacións outorgadas pola Xunta da Galiza para os parques eólicos de Campelo e Bustelo, en Bergantiños, ou para a mina de feldespato no concello de Muras, na Terra Chá.

—Cales son as razóns que levan o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a non tramitar pola vía acelerada a cuestión prexudicial sobre os eólicos formulada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)?
O TXUE axustouse, como debe ser, a aplicar o seu propio Regulamento de procedemento ao suposto da cuestión prexudicial remitida polo TSXG. Ese regulamento distingue en canto á tramitación dos asuntos tres réximes: a tramitación ordinaria, a acelerada, e a de urxencia. O propio TSXG, ao expor a cuestión prexudicial, solicitou que o procedemento se tramitase como acelerado, e dita solicitude foi desestimada por considerar o Tribunal europeo que, ao non atoparse os proxectos eólicos en execución, non se xustifica o apresuramento na tramitación do proceso.

—Que quere dicir o TXUE cando afirma no seu auto sobre os eólicos que "a natureza do presente asunto prexudicial non exixe resolvelo en breve prazo”?
Esa afirmación ten moito que ver coa propia e moi consolidada doutrina do TXUE, e tamén do propio Tribunal Constitucional español, sobre a protección do medio ambiente, que parte da posición preferente desa protección sobre outro tipo de intereses en xogo, como os económicos. O TXUE considera no seu auto que non concorre a urxencia que xustificaría o procedemento acelerado porque os proxectos non están en fase de construción e, por tanto, non se está pondo en risco neste momento a preservación ambiental. En definitiva, e non é nada novo, conclúe a prevalencia desa protección ambiental fronte a outros intereses en xogo.

—Que significa a nivel de prazos e da tramitación dos procedementos en marcha no TSXG que o Tribunal europeo non opte pola vía acelerada?
En base á regulación da tramitación acelerada no Regulamento de procedemento do TXUE, a mesma pode reducir sensibelmente os prazos de resolución do asunto, dado que, se se decide que se siga a mesma, sinala esa norma que se fixará de inmediato a data da vista, outorgándolles antes ás partes un prazo mínimo de 15 días para que aleguen o que estimen oportuno sobre o caso concreto. Aínda que esta regulación non é moi detallada, realmente pode derivar nunha aceleración do proceso moi notábel.

—En que medida esta resolución do TXUE non representa unha desautorización para os argumentos empregados durante os últimos meses pola patronal eólica e a Consellaría de Medio Ambiente?
Na miña opinión, o auto do TXUE sobre a eólica desautoriza a Xunta totalmente porque, salvando que se trata de cuestións procesualmente distintas, non debemos pasar por alto que as suspensións da eficacia das autorizacións de proxectos eólicos que se están acordando polo TSXG susténtanse, precisamente, no mesmo argumento de dereito que motiva a decisión adoptada polo Tribunal europeo sobre a tramitación acelerada da cuestión prexudicial, que non é outro que a referida prevalencia da protección ambiental fronte a outros intereses en xogo, por moito que ditos intereses se consideren legalmente como estratéxicos, ou por moito que esa consideración traia causa das propias decisións da Unión Europea.

Unha “operación” da Xunta contra xuíces

Montserrat Calvo non coincide con “ese puritanismo fariseo que se cingue a repetir que as decisións dos xuíces hai que acatalas sen máis, eu son da opinión de que hai que acatalas, pero iso non impide que se critiquen”. Porén, considera que “se se critican desde unha Administración pública e esas decisións teñen por obxecto a actuación desa Administración pública, a crítica debería ser ponderada e reflexiva. E o que estamos a ver actualmente non é precisamente isto, senón unha especie de operación de propaganda executada en contubernio para facerlle ver á opinión pública que os malos son os xuíces ou en particular un xuíz ao que só nomean a través de terceiros interpostos e ao que culpan de todos os males”. Neste sentido, entende que “desde o punto de vista do interese xeral, que é o que lle corresponde defender á Administración, isto non leva a ningunha parte”.