O futuro dos ríos galegos e as centrais hidroeléctricas preocupa a moitos colectivos da sociedade galega, mais esta terza feira a organización ecoloxista Arco Iris foi a que amosou a súa preocupación quer polo Plan Hidrolóxico Galiza Costa, quer os ríos da conca Miño-Sil. Mesmo lamenta que non haxa unha moratoria ante posíbeis novas presas de aproveitamento eléctrico.
O colectivo Arco Iris protestou polo documento marco que ten elaborado a Xunta da Galiza para os ríos da súa competencia, que son aqueles que se atopan na conca Galiza-Costa. Desde o seu punto de vista, o plan "peca dunha calculada ambigüidade".
Nun comunicado emitido despois de achegar sete alegacións á norma, insistiu en que o texto é "insubstancial" e ten unha "fala de concreción" en aspectos que, para as e os ecoloxistas, deberían ser entendidos como "básicos" polo Goberno galego.
Entre as críticas á programación da Xunta, está o feito de que non se estabelezan uns caudais mínimos, algo que semella contraditorio coas palabras de representantes da equipa de Alberto Núñez Feixoo e do propio presidente cando se deu conta do baleirado masivo de varios ríos xestionados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (dependente do Estado).
"Non inclúe entre as súas medidas o estabelecemento dos caudais ecolóxicos mínimos, ao contrario que o proposto pola Confederación Miño-Sil, que especifica textualmente eses caudais por tramos fluviais e por estacións anuais", incide.Ao ver da entidade, "é incomprensible que Augas da Galiza [que é un órgano que forma parte da Xunta] deixe para mellor ocasión un compromiso básico de calquera Plan Hidrolóxico e aposte por un Plan B".
Supostamente esa segunda opción non garante "a participación das entidades ambientalistas, senón unicamente a dos interesados".
"Impacto ambiental inasumíbel"
No contexto actual, outra das cuestións que máis molesta ao grupo é que non se "aposte de forma decidida por unha moratoria indefinida para novos proxectos de minicentrais", pois a súa presenza nos ríos da conca -xa sen ter en conta os da demarcación Miño-Sil- "é xa intolerable e representa un impacto ambiental inasumíbel".
En consecuencia, exixe ao Executivo galego que "recapacite e reflexione" sobre a "inconsistencia" dun plan, que segundo consideran, "non responde en absoluto aos requirimentos do cambio climático". Tamén piden que invite ao consenso con toda a sociedade galega.