O Morrazo érguese contra as estafas do goberno do PP

Unha manifestación unitaria ateigou as rúas de Moaña para exixir un cambio de rumbo nas políticas e a fin das políticas neoliberais

 

Arredor das 19.00h partía da Praza de Abastos de Moaña a manifestación unitaria apoiada por diversas organización políticas, movementos e colectivos sociais. A xornada de mobilización --que visaba pular polo bon resultado acadado en Cangas, onde se reuniron perto de 4.000 persoas-- asolagou as rúas da vila nun único berro contra a corrupción, as políticas anti-sociais, os recortes e a "escravitude" laboral. 

Por un futuro digno para a comarca e o país, unha maré de veciñ@s da comarca do Morrazo percorreron Moaña até a Praza do Concello. Estafad@s polo calote das preferentes, moz@s, xubilad@s, estudantes, autónom@s... clamaron contra "as estafas do goberno" como rezaba a convocatoria. Gobernos de aquí e de acolá. 

Galiza, Madrid, Bruxelas mais tamén contra as institucións económicas internacionais de cuxos órganos de decisión, denuncian, saen políticas encamiñadas "a afianzar o capitalismo e os privilexios" duns poucos en detrimento dos dereitos e as condicións de vida da maioría.

"Entendemos que por separado fracasaremos e que só unindo as nosas loitas poderemos darlle a volta a esta situación", aseguraron, ao tempo que clamaron por pasar "das palabras aos feitos" e "non agardar nada" de quen "rouba" e "saquea" ao pobo.