Morre o catedrático da USC Francisco Puy, membro da 'Comisión dos 16' do Estatuto

Francisco Puy (Foto: Real Academia galega de Xurisprudencia)
Aos 88 anos de idade. 

O catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Puy Muñoz faleceu aos 88 anos de idade (1936-2024). O tamén escritor e político foi membro en representación de Alianza Popular na coñecida como 'Comisión dos 16', os inspiradores do actual Estatuto de Autonomía de Galicia coa redacción do primeiro anteproxecto desta norma básica que rexe -xunto á Constitución- o Goberno galego.

Nado en Cambil (Xaén), Puy Muñoz estivo casado con Rosario Fraga -falecida en 201--, irmá do expresidente da Xunta Manuel Fraga, e era pai de sete fillos, entre eles o deputado popular no Congreso Pedro Puy Fraga.

Doutor en Dereito pola Universidade de Granada (España), era autor de máis de medio centenar de libros e máis de 300 artigos publicados en revistas nacionais e estranxeiras.

Nunha intervención durante o pleno do Parlamento galego desta cuarta feira, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos Couñago, mandou un "cariñoso" saúdo á familia de Francisco Puy, "home de bonhomía probada e pai de quen tantos anos foi portavoz do Grupo Parlamentario Popular". Unha mensaxe no que tamén mostrou as súas condolencias polo falecemento aos 61 anos de Gerardo Pérez Puga, concelleiro do PP de Pontevedra. "Descansen en paz, sempre os conservaremos no noso recordo", afirma.

Francisco Puy obtivo a cátedra de Filosofía do Dereito en 1966 por concurso estatal na Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu o seu labor docente e investigadora durante máis de 40 anos ininterrompidos. Nesta universidade dirixiu múltiples teses doutorais, tese de licenciatura e traballos de fin de grao.

Foi director de departamento e investigador principal de varios proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas. Pasou ser catedrático emérito ad honorem permanente.

Igualmente, foi académico de número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi Doutor Honoris Causa e Magister Honoris en diferentes universidades. Era membro do padroado do Museo do Pobo Galego. 

Entre outras facetas, Francisco Puy foi concelleiro en Santiago nos anos setenta e foi fundador da Fundación Alfredo Brañas.