Morre un ciclista atropelado por unha ambulancia en Santa Comba

ciclista ciclismo (Foto: Nós Diario)
O vehículo sanitario estaba en servizo e  levaba unha persoa.

Un ciclista faleceu na tarde desta quinta feira o ser atropelado por unha ambulancia cando circulaba polo municipio de Santa Comba, na comarca do Xallas. Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias que interviñeron no operativo citadas pola axencia Europa Press, ocorreu pasados uns minutos das 15 horas na estrada AC-546, entre os quilómetros 13 e 14, á altura de Fontecada.

Nese momento, o 112 recibiu unha chamada dun particular para informar de que este home que ía en bicicleta pola estrada fora arroiado por unha ambulancia, que estaba en servizo e que trasladaba unha persoa.

Debido ao golpe, o vehículo sanitario quedou ladeado nunha cuneta, aínda que o paciente que trasladaba non parecía sufrir danos. A central do 112 informou dos feitos a Urxencias Sanitarias-061, os bombeiros de Santa Comba, a Garda Civil, a Policía Local e mais Protección Civil.