Morre un home na praia do Orzán, na Coruña, apenas 24 horas despois doutro falecido en Riazor

Praia Orzám ( Foto: Concello da Coruña)

Un home perdeu a vida na mañá desta cuarta feira na praia do Orzán, na Coruña. O suceso prodúcese apenas 24 horas despois de que no areal de Riazor falecese outro home.

Segundo informaron fontes do 112 a Europa Press, o suceso produciuse sobre as 12:45 horas desta xornada e os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento. No operativo, ademais de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, tamén participaron a Policía española e a Local.

A Galiza figura un mes máis como a comunidade con maior número de falecementos por afogamento en espazos acuáticos no que vai do ano, acumulando un total de 36 vítimas, segundo o Informe elaborado pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. O informe detalla que só no mes de xuño de 2024, sete persoas perderon a vida por esta causa na Galiza, o segundo mes de xuño máis mortífero desde 2015.

A nivel estatal, xuño foi o segundo mes con máis mortes por afogamento non intencional nos espazos acuáticos desde que se comezou a elaborar o informe en 2015, rexistrándose un total de 61 persoas mortas por estas causas. A Galiza encabeza a lista de comunidades con máis afogamentos, seguida por Andalucía, con 32 mortes, e o País Valencià, con 27, onde se rexistraron 17 afogamentos só en xuño, representando case 28% dos casos dese mes. Outros territorios con cifras significativas inclúen Canarias, con 22 mortes, Catalunya, con 19, e Asturias, con 9.

En 2023, as persoas que perderon a vida na Galiza por afogamento foi de 46, sendo a cuarta comunidade con máis falecidas por este motivo e 11% do total de mortas no Estado.