Morre unha muller atropelada por un bus urbano en Vigo

Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)
Os feitos aconteceron nas inmediacións do cemiterio de Valadares.

Unha muller morreu na tarde desta terza feira en Vigo, na estrada do Freixo, após ser atropelada por un autobús urbano do que acababa de baixarse.

Segundo informa o 112 Galiza, ocorreu pasados uns minutos das 17 horas nun lugar próximo ao cemiterio de Valadares. O alertante foi o propio condutor do autocar para indicar que atropelara a esta persoa coas rodas traseiras do autobús, e que a muller permanecía atrapada debaixo do vehículo.

Seguidamente, a central de emerxencias puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, dos bombeiros de Vigo, da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.

Os bombeiros, cando chegaron ao lugar, indicaban que a muller atropelada estaba liberada e accesíbel, pero os servizos médicos non puideron facer nada por salvarlle a vida.