Morre unha muller tras caer dun vehículo en marcha en Xinzo

(Foto: Garda Civil / Arquivo)
O suceso tivo lugar na estrada OU-117, a dous quilómetros da autovía.

Unha muller de 59 anos faleceu na mañá de hoxe tras caer dun vehículo que circulaba pola OU-117.

Esta estrada comunica os municipios ourensáns de Xinzo de Limia e Vilar de Barrio, a dous quilómetros da autovía.

Segundo informou o 112, foi un particular o que ao fío das 9,10 horas alertaba dun atropelo no punto. Con todo, a Garda Civil confirmou que se tratou dun acompañante que se caeu do vehículo.

Até o punto mobilizouse o helicóptero medicalizado, Urxencias Sanitarias, os Bombeiros de Xinzo, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

Os servizos sanitarios no lugar confirmaron ás 9.50 horas o falecemento dunha muller, de 59 anos.

A pesar de que non transcendeu como foi a caída, a Garda Civil afirmou que se trata dun accidente de tráfico.