Morre unha persoa nun accidente na OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo

Imaxe de arquivo da OU-536 ao seu paso por Xunqueira. (Foto: Google)
A outra persoa accidentada na colisión entre dous vehículos foi excarcerada e trasladada a un centro hospitalario.

Unha persoa faleceu e outra resultou ferida ao chocaren dous coches en Xunqueira de Espadanedo (comarca de Allariz-Maceda), segundo vén de informar o servizo de emerxencias do 112-Galiza. O accidente de tráfico produciuse a primeira hora da mañá desta sexta feira.

Os servizos sanitarios, a pesar de mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, nada puideron facer por salvar unha das persoas implicadas neste sinistro. A outra persoa accidentada, porén, foi trasladada a un centro hospitalario, despois de ser excarcerada polos efectivos do GES de Maceda.

Os feitos sucederon uns minutos despois das 8 horas desta mañá, no punto quilométrico 21 da estrada OU-536. A central de emerxencias do 112-Galiza recibiu a alerta desta colisión a través dunha persoa particular e do sistema eCall dun dos vehículos implicados.

Acto seguido, desde o 112 solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, o GES de Maceda, a Garda Civil de Tráfico e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Maceda e de Xunqueira de Espadanedo. Aliás, sumouse ao operativo un voluntario de Protección Civil da Pobra de Trives.