Morren un mozo e unha moza nun accidente de moto en Redondela

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Na moto viaxaban dúas persoas, o condutor e o seu acompañante. Tras o accidente, a moto quedou baixo un camión.

Un mozo e unha moza de 19 anos faleceron esta segunda feira pola noite tras chocar a moto na que circulaban pola N-550, ao seu paso polo municipio de Redondela (comarca de Vigo), contra un turismo e un camión de recollida de lixo.

Fontes consultadas sinalaron que o accidente se produciu ás 23.30 horas no quilómetro 140.200 da N-550, na parroquia de Cesantes. Por causas que se investigan, a moto, unha Honda que circulaba sentido Pontevedra, invadiu o carril contrario e chocou de fronte contra un turismo e posteriormente contra un camión de recollida de lixo.

A condutora, unha moza de 19 anos con domicilio en Vigo, e o seu acompañante, tamén vigués de 19 anos, faleceron no acto e os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvar a súa vida. Pola súa parte, tanto o condutor do turismo como o do camión resultaron ilesos e deron negativo nas probas de alcol e drogas realizadas no punto do accidente.

Até o lugar, ademais dos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e da Garda Civil, desprazáronse axentes da Policía Local, Bombeiros de Vigo, efectivos de Protección Civil de Redondela e GES de Mos. Así mesmo, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza (CIAE-112) solicitou a intervención do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias.