A mostra 'Sen cancelas' divulga a diversidade sexual na Galiza

Sagrario Torrado, Carme Adán, Enrique Latorre e Manuel Portas na presentación no IES Xelmírez I. (Foto: Nós Diario)

A exposición itinerante Sen cancelas, memorias do arco da vella na Galiza leva aos centros educativos un percorrido polos fitos históricos, dereitos e conceptos chave da loita do colectivo LGBTI. Nós Diario conversa coa coordinadora do proxecto e catedrática de Filosofía, Carme Adán, para coñecer a fondo a proposta.

Recuperar a voz. Recuperar a memoria ou restablecer a historia non contada son formas de rachar cos silencios. Así comeza Sen cancelas, a proposta didáctica que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) e que dirixe Carme Adán, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, colaboradora de Nós Diario e autora destas palabras. Sen cancelas, memorias do arco da vella na Galiza consiste nunha exposición itinerante a partir da cal se elaborou unha guía didáctica dirixida ao profesorado e alumnado dos niveis de ESO e Bacharelato. 

Esta mostra busca levar á mocidade a realidade das persoas pertencentes ao colectivo LGBT na Galiza así como as súas achegas na defensa dos dereitos humanos. Presentar a diversidade sexual e de xénero, concretar conceptos básicos, visibilizar as reclamacións do colectivo ou rescatar referentes da Galiza son algúns dos obxectivos que persegue Sen cancelas mediante a exposición de sete bloques temáticos e de actividades para realizar nas aulas.

A diversidade sexual no contexto galego

Adán, a coordinadora da proposta, explica a Nós Diario que o tema central é traballar a disidencia sexual no ámbito galego a través do coñecemento do pasado así como da evolución dos dereitos na lexislación. “Moitas veces miramos a Barcelona ou Madrid pero poucas á nosa realidade, e iso é o máis novidoso da mostra: facer fincapé no arco da vella da Galiza”. Con esta idea, o ámbito para levar a cabo a proposta “debía ser o ensino” e debía ser “en chave galega”, sostén Adán, “entendendo que a diversidade sexual tamén é cultura e un patrimonio de todas e todos”. 

Á hora de organizar a exposición, Adán indica que cumpría expoñer as siglas LGBTI como procesos históricos nos que existiron persoas que, sen ter unha letra desta sigla, viviron a súa vida desde esa disidencia sexual. “Queríamos mostrar que a especie humana é diversa e que son moitas as etiquetas que configuran a nosa identidade”, engade. Para isto, era preciso recoller todo o proceso histórico e esclarecer certos conceptos.

Aliás, a necesidade destes materiais xa era unha demanda do propio profesorado. Así se demostrou na grande acollida de Sen cancelas, que xa completou as prazas para este curso e algunhas para o próximo.“Sabía que ía funcionar dada a escaseza de recursos e porque hai moito profesorado comprometido [coa temática]", sostén Adán. 

A guía permite traballar coa exposición os 15 días que se mostra nos centros así como posteriormente nas aulas a través das actividades propostas nela. “Pode tratarse desde moitas perspectivas: desde os equipos de igualdade ou nas materias de historia, lingua galega, antropoloxía, filosofía e mesmo bioloxía”. 

Adán conclúe que “o cometido das persoas docentes debe ser educar no marco do recoñecemento de dereitos e da apertura de liberdades”. Porén, “o profesorado xa está moi cargado de contidos curriculares” polo que calquera material que se poida elaborar “é unha obriga dos concellos e un ben colectivo”, sentenza Adán.