O movemento feminista advirte da "deturpación" do CIM de Teo

Visita organizada polo CIM de Teo aos viñedos dunha adega local, na parroquia de Oza. (Foto: CIM Teo).
Unha cata de queixos e unha visita aos viñedos dunha adega local protagonizaron as últimas propostas do Centro de Información á Muller (CIM) de Teo (comarca de Compostela) á veciñanza do municipio. A Marcha Mundial das Mulleres vén de denunciar a "deturpación do contido dun servizo fundamental" en materia de igualdade.

"Desde a chegada do PP ao Goberno local, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Teo está a programar actividades que non parecen moi na liña do que un CIM debería promover", sinala a Marcha Mundial das Mulleres nun comunicado dirixido aos medios de comunicación no que cuestiona dous convites organizados polo Goberno local a través do CIM por se afastaren do obxectivo primeiro deste servizo municipal: "Apoiar e protexer as mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade".

Actividades lúdicas

"Parece que os CIM, en determinados concellos son puramente declarativos", explica a Nós Diario Marta Romero, membro da Marcha, moi crítica tanto co contido dos últimos actos patrocinados polo CIM de Teo mais tamén co público ao que foron dirixidos.
O 18 de abril, o CIM organizou unha cata de queixos na parroquia de Oza na que participaron unha trintena de mulleres entre as que estaban a alcaldesa, Lucía Calvo, e a concelleira de Muller e Igualdade, María Vázquez. "Unha sesión moi didáctica onde ademais de aprender a saborear os nosos queixos, puidemos degustalos con sidra de mazá feita na Estrada".

Xa o día 23, mulleres e homes, veciñas e veciños do municipio, compartiron visita a unha adega local onde coñeceron o proceso de elaboración do viño e degustaron o produto, sen máis achega á promoción da igualdade que a simple referencia á "dona da adega", como "muller emprendedora".

Para Romero "non ten sentido" impulsar desde un CIM actividades "dirixidas tanto a homes como a mulleres que fican nunha simple cata ou degustación, sen políticas que aposten decididamente pola igualdade. É imposíbel que unha cata nos leve á igualdade", asevera.

Deste modo, desde a Marcha Mundial das Mulleres rebaten os argumentos ofrecidos polo CIM de Teo e o Goberno local. O primeiro defendeu a cata de queixos como unha oportunidade para "crear grupos de apoio onde poidamos coñecernos por motivos, 'sen importancia aparente', pero a partir dos cales tecemos redes". O segundo, a través da concelleira do ramo, destacou a "posta en valor do papel dunha muller á fronte dunha empresa" como exemplo de "sensibilización en igualdade".

Favorecer a igualdade

Romero denuncia a"masculinización " e a "ocupación" do CIM con asuntos propios doutros departamentos como Promoción Económica, Turismo ou Cultura, así como a "deturpación" dun servizo fundamental para as mulleres, que aínda seguen a ser "invisibilizadas e discriminadas" mesmo desde as entidades públicas. A todas en xeral e ás de Teo en particular pídelles contidos e recursos reais en prol da igualdade e da loita contra a violencia machista. "Pódense impartir obradoiros, palestras e promover accións que de verdade favorezan a igualdade" sen caer na anécdota ou na frivolidade.