Mulleres do sector reivindican a creación do Observatorio Galego de Pesca

muller redeira
Diferentes colectivos e asociacións presentaron as súas demandas no Parlamento galego. Os partidos con representación na cámara mostraron a súa vontade de mellorar a situación. 

As representantes da Federación de Asociacións das Mulleres do Rural (Fademur), da Asociación de Mulleres Redeiras 'O Peirao' e da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) manifestaron onte en comisión parlamentaria as súas principais demandas, entre elas, impulsar o Estatuto da Muller Rural, que xa fora aprobado pola Cámara, e a creación do Observatorio Galego de Pesca para analizar a realidade do sector e dar solucións ás súas problemáticas.

Estas reivindicacións tiveron lugar na Comisión non permanente para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres decorrida esta sexta feira no Parlamento da Galiza. A presidenta de Fademur, Verónica Marcos Arrojo, insistiu en que é "primordial" que o Estatuto da Muller Rural "non se demore no tempo" porque considera que ten que ser, de forma inmediata, unha ferramenta "real e verdadeiramente efectiva" para promover a igualdade neste contexto.

Tamén por parte de Fademur solicitaron que entren en vigor medidas concretas para mellorar a vida das mulleres no rural e achegaron un dato: "Só 32% das explotacións agrogandeiras teñen como titular unha muller" e delas, "só 2% teñen menos de 45 años". Ante esta cifra, Verónica Marcos, lamentou que esta non é unha "visión apocalíptica, senón realista".

A realidade das redeiras

Ao sector pesqueiro deulle voz nesta comisión a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca. Rita Míguez puxo o foco da súa exposición na necesidade de crear un Observatorio Galego de Pesca. "É fundamental que haxa datos, saber cales son as deficiencias, buscar e intentar dar solucións aos problemas que realmente temos", sinalou Míguez. 

A presidenta de Anmupesca demandou tamén que amplíen as doenzas recoñecidas como profesionais e revisar os coeficientes redutores das traballadoras do sector, para diminuír a idade de xubilación e que sexa acorde coa carga de traballo que soportan ao longo da súa actividade laboral.
Varias destas propostas tamén as puxo sobre a mesa a presidenta da Asociación de Mulleres Redeiras O Peirao, Verónica Veres, que atendeu Nós Diario para facerse eco das reivindicacións da entidade, así como para realizar unha análise xeral da situación do sector: "Non é normal que se fale por nós e se decida por nós por non estar na Lei de pesca", aseverou Veres, que tamén engadiu que as redeiras "somos as únicas que non estamos incluídas nesa lei". 

No relativo ao relevo xeracional, Veres manifesta que "entendemos que a profesión pode non ser atractiva debido ás condicións laborais, mais se alguén quere comezar a traballar nisto, atopámonos infinidade de problemas, xa que a nosa profesión non se ensina en centros de formación".

"Temos claro que esta é unha cuestión de vontade política, só pedimos que se dignifique a profesión", destacou Veres.
Os tres partidos políticos con representación no Parlamento galego comprometéronse a que as demandas destes colectivos se convertan en propostas reais a ter en conta na cámara. Por parte do Executivo lamentaron en sede parlamentaria a "falta de presenza feminina nas áreas directivas", a pesar do aumento de mulleres no sector. Desde o BNG reclamaron "darlle a volta a esta situación", mentres que no PSdeG consideraron "unha necesidade" que se escoiten as demandas do sector.