LUZ DARRIBA

"As mulleres estamos soas e desprotexidas"

Luz Darriba

Artista-multidisciplinar, feminista, colaboradora de Sermos Galiza quer no dixital quer no semanario. Luz Darriba é a voz deste sábado 6M no #VeñanMais5

-Como avalías o estado actual da igualdade?

-Se estamos a falar da igualdade en xeral, da brecha entre os pobres cada vez máis pobres e os ricos cada vez máis ricos, mal. O mundo está acadando cotas insoportábeis de inxustiza. Se estamos a falar da igualdade ou equidade entre homes e mulleres, peor. Peor porque dende que alguén nomeou a palabra crise non se fixo máis que afondar nos problemas existentes, recortar orzamentos que axudarían a previr, por exemplo, os incontábeis feminicidios. A violencia contra as mulleres é a face máis negra deste proceso cara a atrás, mais a mingua de axudas en plans de apoio á igualdade poden apalparse de vez. As mulleres estamos soas e desprotexidas. É unha triste realidade que penso temos que asumir para saber contra quen e contra que temos que enfocar a nosa loita, pacífica pero incansábel.

-E que evolución agardas a cinco anos vista?

-A verdade, se alguén me tivese dito, cando comecei a carrexar bandeiras lilas aló polo plistoceno, que no século XXI, no ano 2017, íamos a estar case igual que entón, pois eu non o crería. Avanzamos, qué dúbida cabe, pero nas cousas verdadeiramente importantes eu non atopo grandes diferenzas. Sobre todo na febre que ao parecer ten atacado a unha parte da sociedade contra as feministas, contra as mulleres e os homes que loitan polos nosos dereitos, pola igualdade real en todos os ámbitos da vida. Unha febre de odio incomprensíbel. Eu veño traballando dende hai moito no campo da arte nestes temas, e cousas que fixen hai dez ou máis anos agora non podería facelas. A resposta social mudou radicalmente. Dá moita incerteza a condición da muller na actualidade. Xa que logo, malia que o último que se perde é a esperanza, eu non son quen de ver un futuro máis amábel. É certo que hai unha franxa de idade, a xeración seguinte á miña, que pensa moito e ben, tanto rapaces coma rapazas, pero os máis noviños meten medo. Non quero xeneralizar porque por sorte haberá de todo, pero parecen estar absorbidos por cancións e vídeo-xogos misóxinos, e utilizan as tecnoloxías como armas de control e posesión. Iso só se transforma coa educación, pero volvemos ao mesmo, se analizamos o estado actual do ensino (e non me refiro ao profesorado senón aos programas) atoparemos as pegadas de políticas neoliberais antipersoas que non reparan en nada á hora de conseguir beneficios, e as que os seres humanos lles importan ben pouco. Seica estou na liña apocalíptica da que falaba Ecco tamén no pleistoceno, mais non son optimista.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-O primeiro que penso a respecto de Sermos é na boa continuación e o medre harmónico e continuo dun proxecto tan estimulante. Verbo das mulleres e os dereitos a defender ou acadar, agardo a actitude que ten dende sempre esta publicación, na que podemos nos expresar con absoluta liberdade, e compromiso coa nosa conciencia. Onde hai moitos abordaxes de xénero dende diferentes ángulos e onde cada vez máis se pode ver que todo é factíbel de se ollar e analizar con gafas violetas.

Agardo e desexo que se manteña e afonde a actual liña editorial e que un dos eixos básicos sexa a visión de xénero.