Mulleres galegas dan un paso á fronte para rachar o bloqueo a Gaza

Anuncian concentracións en diversas localidades galegas para rexeitar a intervención do exército israelita contra a frota 'Mulleres rumbo a Gaza'

O 14 de setembro partía do porto de Barcelona a 'Flotilla da Liberdade', a navegación solidaria impulsada desde 'Mulleres rumbo a Gaza' para denunciar o bloqueo e ocupación de Palestina. 'Amal' (esperanza, en árabe) é o nome do veleiro que ceibou amarras no porto catalán para poñer rumo Palestina, atravesando o Mediterráneo cunha mensaxe de solidariedade para co pobo palestino. Máis unha vez, o estado israelita xa anunciou que abordaría o veleiro tan pronto este se achegase a augas palestinianas.

Mulleres representantes de diversas organizacións que participan na campaña “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza” compareceron para pedir protección ao estado español e a UE para a flotilla perante a ameaza de abordaxe do exército de Israel. Marisela González, portavoz de BDS e Mulleres Rumbo a Gaza; anunciou que teñen preparada unha alerta para cando esa abordaxe se produza, unha alerta que se activará nas redes sociais, a través das que se fará un chamamento á mobilización ás 19:00 horas no día en que sexa abordado o barco. Hai concentracións xa confirmadas nas cidades de Ourense, Compostela, A Coruña, Vigo e Ferrol, ás que poderían sumarse outras nos vindeiros días.

Ana Miranda (BNG), e extripulante da flotilla en anteriores viaxes, solicitou “que se protexa a vida” das mulleres de diferentes nacionalidades que van na embarcación.”Mulleres, dixo, que “están xogándose a vida nestes momentos nun barco por romper o bloqueo e por denunciar unha situación que é ilegal”. Na mesma liña se expresou María Ferreiro, secretaria das mulleres do SLG, que falou da triple opresión que sofren as mulleres palestinas: a xerada pola ocupación e invasión do seu territorio polo goberno israelí; a causada polo patriarcado “que todas sufrimos e nesa zona non é menos” e a provocada pola mirada occidental, coa que  “relegamos a estas mulleres a un papel doméstico e totalmente pasivo e que cando as imos coñecendo está moi lonxe da realidade que sofren estas mulleres que intentan levantar o seu territorio e volvelo a ocupar, algo que no seu día a día non é de todo sinxelo”.

Mulleres Rumbo a Gaza coordinada por BDS Galiza en colaboración coa Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, que conta ademais co apoio de diversos organizacións como Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Conas Ceives, Lésbicas Creando e MNG.