As mulleres de Velaluz dan por rematada a folga de fame ''decepcionadas, pero desenmascarando" a Xunta

[Imaxe: Velaluz]

Hai un mes eran dez as mulleres desta asociación contra a violencia machista as que encetaban a greve. Catro delas tiveron que ser hospitalizadas. Trinta días despois, a acción remata como empezou: denunciando o "silencio cómplice" do Goberno galego


"Decepcionadas pero quitando máscaras de quen di defender a ultranza os dereitos das mulleres e menores que sofren violencia de xénero". Así rematou Velaluz a folga de fame que encetara hai un mes para reclamar "protección real" para as mulleres en situación de violencia machista e para as súas crianzas. A súa demanda traduciríase, grosso modo, na aplicación da Lei integral de violencia machista que na Galiza foi aprobada en 2007. 

As dez mulleres que o 15 de outubro iniciaron a vixilia recibiron a visita de practicamente todas as forzas políticas --agás o PP--, mais tamén do Goberno galego. Foi a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen as visitou o 21 de outubro no local que Velaluz ten a carón da Audiencia provincial da Coruña canda a subdirectora xeral para o Tratamento da violencia de xénero, Belén Liste.

Do lugar saíron cun documento en que Velaluz lles facía chegar por escrito as súas reivindicacións principais. Gloria Vázquez, presidenta da asociación, resómeas: "protexer as mulleres e menores, suspender de inmediato as visitas do agresor aos fillos; e que após sentenza firme se lle retire a patria postestade".

A subdirectora xeral de Igualdade o 25-N de 2011: ''Os nenos son as vítimas esquecidas''

A día de hoxe o colectivo non recibiu resposta ningunha, malia que a subdirectora Belén Liste aproveitou o 25-N de 2011 para denunciar que "os nenos son as vítimas esquecidas" da violencia que se exerce contra as mulleres. Nunha entrevista concedida daquela ao diario La Opinión, Liste reprobou a "dependencia económica" que as maltratadas teñen a respeito do seu agresor, mais o seu goberno recortou nun 25% o orzamento destinado ao chamado 'salario da liberdade', unha axuda pública pensada xustamente para rachar con esa dependencia. Velaluz denuncia que "nin sequera o 10% das mulleres que denunciaron chegou a cobralas". 

A subdirectora xeral de Igualdade enfatizou tamén que a Xunta dispuña "dun programa de atención psicolóxica dirixido a mulleres, menores e persoas dependentes". Del tamén fala a directora xeral, Susana López Abella, no seu Informe de 2012, un documento de 208 páxinas que nada di sobre a redución acometida neste servizo, habilitándoo unicamente para quen como medida provisoria teña concedida unha orde de afastamento. Nese ano, 2012, ditáronse 719 malia que houbo 4.102 denuncias por malos tratos. 

Con este panorama como pano de fondo, a presidenta da asociación, Gloria Vázquez, mostrou a súa "decepción" coas responsábeis políticas e co Goberno galego no seu conxunto porque teima en deixar as mulleres en situación de violencia machista e ás súas crianzas "na desprotección máis absoluta". O único motivo de celebración para Velaluz é que este colectivo vai facer parte, "con voz e voto", dunha Comisión de investigación que sobre esta causa se creará no Parlamento galego.