Máis da metade das vítimas de discriminación entre a comunidade xitana son mulleres

Zaida Jiménez presentou o informe sobre discriminación ante a Valedora do Pobo. (Foto: Europa Press).
A Fundación Secretariado Xitano pide maior concienciación social fronte aos prexuízos e estereotipos que aínda existen sobre a comunidade xitana.

A Fundación Secretariado Xitano presentou esta terza feira ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, o informe anual de Discriminación e Comunidade Xitana no que fai especial incidencia na "discriminación interseccional" e a "dobre discriminación" que sofren as mulleres xitanas.

A encargada de presentar as cifras e as conclusións desta memoria foi a técnica de igualdade da fundación en Vigo, Zaida Jiménez, que iniciou a súa intervención lamentando que "en 2024 sigan ocorrendo casos" de exclusión ou marxinación. "Sabemos que é unha carreira de fondo, pero temos esa espiña cravada ante ese rexeitamento social que sufrimos diariamente".

Jiménez deu conta de todas as discriminacións que soporta o colectivo xitano na Galiza: 68 casos de malas prácticas en medios de comunicación, 217 en redes sociais, 46 no ámbito do emprego, 70 no acceso a bens e servizos, 18 en servizos policiais, 44 en educación, 29 en vivenda e 18 no ámbito da saúde. De todas elas, unhas 30 rexistráronse na Fundación Secretariado Xitano da Galiza.

Dobre discriminación

O informe achegado á Valedora do Pobo revela que a discriminación afecta en maior medida ás mulleres, de feito, máis da metade das 222 vítimas identificadas son mulleres. "Hai situacións que aos homes xitanos non lles ocorren e ás mulleres non xitanas tampouco", sinalou Zaida Jiménez, quen fico fincapé nesta "discriminación interseccional". As mulleres xitanas teñen "unha pedra máis na mochila".

A técnica de igualdade avogou por facer da sociedade un conxunto máis consciente dos "moitos prexuízos e estereotipos sobre a comunidade xitana" que aínda existen, xa que só sendo "máis conscientes desa discriminación" é posíbel avanzar na detección e denuncia, precisou Zaida Jiménez.

Concienciación

Neste sentido, Eva Vera, responsábel autonómica da fundación, destacou que algunhas destas discriminacións estaban "moi interiorizadas", pero despois de varios anos de traballo xa se observa que moitas persoas gañaron en "concienciación".

Pola súa parte, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, puxo o foco na interseccionalidade da discriminación e agradeceu ao Secretariado Xitano o seu labor para "pór o foco nas marxes". "Integrando as marxes dentro das políticas públicas imos avanzar todos", concluíu.