Social

Multado un home en Ribeira por incumprir o confinamento "de forma reiterada"

Xulgados de Ribeira (Rexistro Civil A Coruña).
O acusado recoñeceu que non obedeceu as normas derivadas do estado de alarma decretado polo Goberno do Estado até en oito ocasións. 

O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira, en funcións de garda, condenou un home ao pago dunha multa de 720 euros como autor dun "delito continuado de desobediencia grave" por facer caso omiso ás normas derivadas da declaración do estado de alarma con motivo da crise sanitaria da COVID-19.

Segundo consta na sentencia, o sospeitoso recoñeceu que os días 17, 18, 19, 20, 22, 24, 27 e 30 de marzo incumpriu "de forma reiterada a obriga de confinamento" decretada polo Goberno do Estado.

O acusado chegou a un acordo coa Fiscalía e resultou condenado como responsábel dun delito continuado de desobediencia a unha pena de "oito meses de multa" cunha "cuota diaria de tres euros". No caso de impago será castigado cun "día de privación de liberdade por cada dúas cuotas non satisfeitas".  

A sentenza deste caso, ao ser ditada baixo a conformidade de todas as partes implicadas no procedemento, non será recorrida.