Multas de 150 euros aos cerqueiros por berrar "lume" nunha manifestación

A Subdelegación do goberno español está a remitir multas a mariñeiros e armadores da frota do cerco que tomaron parte na manifestación do 6 de marzo en Vigo.

 

Até 150 euros de multa por unha falta catalogada como "grave". Esas son as sancións que está a impor a Subdelegación do goberno español aos mariñeiros e armadores do cerco que participaron na manifestación do 6 de marzo en Vigo.

Segundo a Subdelegación os feitos denunciados pola policía española e que son obxecto da sanción, consisten en "desordes leves" mais a falta que se lles atribúe aos cerqueiros son calificadas como "graves". Os feitos aos que se refire o organismo son berros pronunciados pol@s manifestantes ás portas do edificio da Xunta na cidade olívica. Berros como "para dentro, por riba da policía" ou "lume".

Desde a páxina que a frota abriu na rede social Facebook durante a súa intensa loita por un reparto xusto das cotas pesqueiras de xarda e xurelo, os mariñeiros animan a remitir á Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga). Aliás, denuncian que as notificacións das sancións están a chegar ás confrarías.

O cerco desenvolveu unha forte mobilización durante o mes de marzo en defensa dun outro reparto das cotas pesqueiras deseñadas por Bruxelas e que deixaban a Galiza cunha porcentaxe de xarda e xurelo moi inferior á capacidade da súa frota. Após as negociacións coa Xunta de Galiza e o compromiso desta de mellorar os repartos para 2015, os cerqueiros desconvocaron as manifestacións. A máis emblemática, a que tivo lugar ás portas do Parlamento galego que rematou cunha forte carga policial polas rúas do Ensanche de Compostela.