Multas de até 200.000 euros por cavar un foxo na praia na noite de San Xoán

Rapaces saltan unha cacharela en Orzán, na Coruña. (Foto: Europa Press)
As persoas que acudan a Praia América, no concello de Nigrán (comarca de Vigo), e escaven no areal para facer a tradicional fogueira de San Xoán expóñense a unha multa de até 200.000 euros.

Así o advertiu o Goberno local de Nigrán nunha nota de prensa na que informa do despregamento dun dispositivo de vixilancia "sen precedentes" na noite do próximo 23 de xuño para evitar que se realicen grandes fendas no areal durante a celebración do San Xoán.

Para iso, o concello e a Subdelegación do Goberno español deseñaron un operativo no que participarán máis de 200 efectivos entre Policía Local, Garda Civil, Seprona, Policía autonómica, GES, Protección Civil e axentes de Tráfico, que estarán apoiados con tecnoloxía como drons.

Máxima vixilancia

O dispositivo despregarase desde a mañá do domingo 23 para controlar os accesos a Praia América e evitar que se trasladen á praia pas ou aparellos para realizar grandes foxos, un costume que foi en aumento nos últimos anos para emprazar as fogueiras e que causa gran impacto no ecosistema do areal.

As multas por desobedecer a prohibición e levar a cabo buracos oscilarán entre os 100 e os 3.000 euros en caso de ser consideradas infraccións leves, pero poderían alcanzar os 200.000 euros se son catalogadas como graves.

As accións de control estarán apoiadas por tarefas informativas e de concienciación, coas que o concello de Nigrán quere incidir na importancia de reducir o impacto dos costumes da noite de San Xoán, tanto na realización das fogueiras como na xeración de residuos e a súa recolección.

"O máis importante que todos debemos facer é informar á mocidade de que este ano será diferente en Nigrán. Poderase festexar o San Xoán pero sen cavar foxos que atentan contra o noso patrimonio natural. Este ano estará vixiado, controlado e multado, así que non ten sentido vir ao areal con pas porque deberán dar a volta", sinalou o alcalde, Juan González.