Na Coruña e en Compostela cheira a chourizo

Cartaz da acción 'Come o PP', na Coruña

Unha acción reivindicativa con chourizada incluída está convocada diante das sedes do PPdG en ambas as dúas cidades para rexeitar os gobernos conservadores en Madrid e na Galiza


Malia que o adxectivo 'chourizo' para nos referirmos de maneira coloquial a quen rouba nada ten a ver co saboroso embutido feito de carne, senón que provén do caló, a lingua do pobo cigano, onde 'roubar' se di 'chorar' e 'ladrón' se di 'chori', o xogo de palabras dá para lemas tan directos como aquel de Non hai pan para tanto chourizo e para accións reivindicativas tan visuais como as que están preparadas para esta quinta feira na Coruña e en Compostela. 

Senllas chourizadas ás portas das respectivas sedes do PPdG servirán para deixar claro o rexeitamento da cidadanía á continuidade dun goberno do Partido Popular tanto en Madrid coma na Galiza. Na capital galega a chamada está fixada para as 20h na rúa Alfredo Brañas e persegue "unha ben ruidosa cazolada" porque "non podemos ficar paradas". 

"Bateremos con forza contra este feixismo que nos adoutrina e inutiliza, porque o capitalismo fede e nos chucha o noso sentimento e forza de pobo", advirte unha convocatoria asinada polas #FeministasEmResistência. Quen queira seguir 'as instrucións' deberá levar unha cazola, unha pandeireta ou calquera instrumento que faga ruído. 

Tamén ás 20h e desde a rúa Sánchez Bregua, a cidade herculina cheirará a chourizo. A convocatoria, lanzada pola rede RobinHood, emprega o hastag #RajoyDimision, moi habitual nos últimos días, e outros propios da acción como un simple #chourizada, para facer un chamamento á cidadanía a rexeitar non só as políticas conservadoras senón tamén, e con máis forza ca nunca, os gobernos que as impoñen.