Nace Erguer, a organización que une o estudantado nacionalista

Un momento da asemblea

Erguer, estudantes da Galiza é o nome da nova organización estudantil que representa a unión do movemento nacionalista e que inclúe Agir, Comités e a Liga estudantil galega. Comezará a súa actividade cunha greve que convocará para as vindeiras semanas.

Após un proceso de asembleas de debate e reflexión –coñecidas co nome de asembleas de base- este sábado tivo lugar no Colexio Maior de Fonseca, en Compostela, a Asemblea Constituínte da nova organización estudantil galega, que vén unir o movemento estudantil nacionalista.

Baixo o lema Libera, transforma e constrúe Galiza desde as aulas, Agir, os Comités e a Liga estudantil galega –que desde hai dous anos xa actuaban de maneira conxunta- acordaron crear unha ferramenta de actuación en chave de país.

Na asemblea da mañá do sábado anunciaron que comezarán a súa actividade cunha greve que convocarán nos próximos días e que terá lugar para as vindeiras semanas, tal e como lle transmitiu a Sermos Galiza Jurjo Diz, membro do Consello Nacional.

Iria Figueroa, integrante da dirección, afirma, en declaracións a Sermos, que “queremos comezar a traballar canto antes e farémolo cunha campaña para nos implantar no ensino medio”. Tamén apunta que a concienciación contra a LOMCE ou o decreto 3+2 será outra das liñas de acción nas que traballará proximamente.

Unha ferramenta en chave de nación

Ademais, a asemblea deste sábado aprobou, entre outras, as seguintes resolucións: o apoio ás presas galegas que se atopan en dispersión, contra a ilegalización de Causa Galiza ou contra a prórroga do Goberno central a ENCE.

En resposta ás preguntas de Sermos, Iria Figueroa subliña que Erguer “nace como ferramenta para o estudantado galego en defensa dun ensino público, galego e en chave nacional”. “Buscamos un proxecto diferente que se enmarque en chave de nación”, conclúe a estudante.