Nace en Lugo ‘Miño si, Gasolineira non’, unha plataforma por un río vivo e para as persoas

Convocan unha primeira concentración esta sexta feira contra a instalación a pé de río de tanques con capacidade para 100.000 litros de combustíbeis.

Desde hai varias semanas estase a artellar en Lugo un movemento de resposta para evitar que a administración permita instalar unha área de servizo a pé do río Miño ao seu paso por Lugo, unha estación que vai ter depósitos con capacidade para albergar por volta de 100.000 litros de combustíbeis. Xa decorreron diferentes iniciativas, como a cadea humana no caneiro das Illas convocada polo Bloque Nacionalista Galega e aberta a organizacións, entidades e toda a veciñanza que quixese acudir a ela. Desa mobilización saiu entre os e as asistentes a idea de chamar a unha asemblea para debater a conveniencia de constituír unha plataforma que aglutinase o rexeitamento e oposición a ese proxecto.

"Tantos anos con problemas administrativos para poder dotar a Lugo dunha zona pública de baño, mentres unha empresa pode usar espazos próximos para un negocio altamente contaminante"

E así naceu, o 18 de setembro, a plataforma ‘Miño Si Gasolineira non’. Os seus responsábeis sinalan que “ unha estación de servizo aí lvai causar contaminación constante, sobre un xa moi danado río Miño, polos residuos continuados que deixan este tipo de instalacións, e que chegarán ás augas sen ningún impedimento”. Aliás, sorpréndelles que “tantos anos con problemas administrativos para poder dotar a Lugo dunha zona pública de baño, mentres unha empresa pode usar espazos próximos para a colocación dun negocio altamente contaminante”.

Esta plataforma convoca esta sexta feira a súa primeira acción contra a instalación desa gasolineira a escasos metros das beiras do río Miño. Será unha concentración ás 20:00 horas no lugar da súa futura instalación, diante do centro comercial de As Saamasas.