Os nacementos descenden case 3% na Galiza

Un bebé (Foto: annaperevozkina / Adobe Stock).
O INE tamén publica a estimación de falecementos até case final do ano 2023 -25 de decembro-, con 32.627 mortes na Galiza, 6,55% menos que un ano antes. Con todo, é 4,6% máis que no mesmo período do ano 2019.

Galiza rexistra un total de 12.963 nacementos até novembro de 2023, o que supón 2,66% menos que nos 11 primeiros meses de 2022, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

Este descenso no país galego é superior a 2,16% de baixada na media estatal. No conxunto do Estado producíronse 294.856 nacementos até novembro. Se a comparativa se fai coas cifras de 2019, o retroceso na Galiza é de 10,6%.

Do total de nais na Galiza, o grupo maioritario é o de 35 a 39 anos de idade (4.241 nacementos), seguido de 30 a 34 anos (4.100). As proxenitoras de 40 anos ou máis foron 1.888 -incluídas 22 mulleres con 50 anos ou máis-. No tocante só ao mes de novembro, os nacementos rexistrados no país foron 1.184, 56 menos que un ano antes, segundo esta estatística de estimación mensual do INE.

Falecementos