Entrevista

Natalia Petit, investigadora do IIM-CSIC: "Os océanos están a gañar temperatura e acidez ao tempo que perden osíxeno"

Natalia Petit, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). (Foto: Nós Diario).
Natalia Petit (Concordia, Arxentina, 1974) é investigadora posdoutoral Marie Curie no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) na área de Ecoloxía e Recursos Mariños. Con motivo do Día Mundial dos Océanos, que se conmemora este sábado, 8 de xuño, 'Nós Diario' conversa coa científica sobre o presente e futuro das especies mariñas.

—En que situación se atopan hoxe os mares e os océanos?
O estado dos mares e dos océanos hoxe por hoxe está baixo supervisión. Os investigadores mariños estamos avaliando como afectan os cambios nas condicións ambientais ás diferentes especies e ecosistemas. O cambio global, que inclúe o cambio climático, e todos os efectos que o ser humano causa sobre os ambientes naturais están a introducir mudanzas nas condicións do medio que fan que as especies teñen que adaptarse. O que estamos avaliando é se se van poder adecuar a eses cambios. Os prognósticos dependen das especies, do crecemento das súas poboacións e da evolución dos cambios no ambiente.

—De que forma están a mudar as condicións dos océanos?
Un dos cambios dos que máis e fala é o da temperatura. O mar está quecendo, principalmente nas zonas costeiras, pero dentro desta tendencia hai áreas máis afectadas. A día de hoxe, por exemplo, parece que o Mediterráneo estase a ver máis castigado pola suba das temperaturas que o Atlántico. Ademais, o mar estase acidificando pola deposición do dióxido de carbono na auga e está perdendo osixenación. Son tres variacións claves que marcan o futuro dos océanos, ben estudadas e demostradas cientificamente. 

Logo hai outros factores, como a contaminación, por químicos ou por plásticos, que tamén está a influír no medio mariño, pero de momento é máis difícil saber como afectan ás especies. 

—Apunta unha maior evidencia dos cambios climáticos: máis temperatura, máis acidez e menos osíxeno. Que consecuencias  teñen sobre as especies?
O meu campo de traballo é a xenética e o que fago é avaliar os niveis de diversidade xenética que presentan as poboacións, pero un dos valores que se estuda habitualmente é a abundancia das especies, para a súa xestión pesqueira. Cada ano obsérvanse flutuacións e diferentes tendencias en función das especies. Hainas que bioloxicamente teñen maior capacidade para adaptarse a estes cambios, outras non, e corren máis risco de ser vulnerábeis á extinción, e hai especies moi explotadas no último século que, froito desa sobreexplotación, puideron perder boa parte da súa capacidade ancestral para se adecuar ao medio. Son factores que se están a avaliar co obxectivo de predicir cal pode ser o futuro do mar e mellorar a xestión dos recursos mariños para que sexan sostíbeis a longo prazo.

—Con que especies de interese para  o sector pesqueiro galego están a traballar?
Na Galiza hai especies que levan anos en declive e é importante saber que está pasando con cada unha: se son as condición climáticas ou é a sobreexplotación a causa desa baixada que se observa, aínda que seguramente sexa resultado da interacción de varios factores.

No Instituto de Investigacións Mariñas, eu, persoalmente, traballo coa pescada; hai moitos investigadores que traballan co marisco, avaliando como lle está a afectar a esta produción os cambios nos ambientes locais das rías, a falta de osíxeno, as alteracións no sistema de floracións. Tamén hai varios proxectos para investigar as poboacións galegas de polbo, que nos últimos anos sufriron unha importante mingua. 

—Adaptarse o medio e ás súas novas condicións, tamén implica migrar no caso das especie mariñas?
Si, hai especies migratorias que se considera que viven con menos risco ca outras, máis territoriais e que apenas se moven, como a maragota ou especies sésiles como o marisco, cuxo cambio de ambiente se logra a través da dispersión das larvas non dos adultos, o que supón un cambio máis lento, dependente das correntes mariñas.

Consumo sostíbel e responsábel

O cambio global que afecta aos océanos non é alleo á cidadanía. As mudanzas que afectan os ecosistemas mariños tamén atinxen as persoas. "Hai que tomar conciencia do que consumimos, das especies que levamos á mesa e de como se obteñen, se proceden ou non dunha explotación certificada como sostíbel", advirte Natalia Petit.

Pero máis aló da comida, a investigadora tamén alenta  un consumo racional libre de residuos, nomeadamente "plásticos que tardan anos en degradarse". A cidadanía pode contribuír a unha mellor conservación do medio facendo un "consumo responsábel inspirado nos tres R de sempre: reducir, reutilizar e reciclar".