Naufraga no Pacífico o barco pesqueiro galego 'Zahara Dos'

O buque 'Playa Zahara Dos'. (Foto: Ministerio de Pesca)
Os feitos ocorreron na tarde desta pasada cuarta feira e os 19 tripulantes foron rescatados e están "en perfecto estado".

O barco galego Playa Zahara Dos naufragou en augas próximas ás illas Fidxi con 19 mariñeiros a bordo, que foron rescatados por outro buque que navegaba pola zona. Segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, o buque pesqueiro naufragaría na zona, quedando a súa tripulación nunha balsa salvavidas, de onde foron rescatados.

Os feitos ocorreron na tarde desta pasada cuarta feira e as mesmas fontes indicaron que as 19 persoas están xa en "perfecto estado". Nas próximas horas espérase ter máis información sobre o sucedido.

A alerta de naufraxio deuse sobre as 15.45 horas desta pasada cuarta feira [hora galega], e nese momento iniciouse un operativo de salvamento que terminaría antes das 19 horas cos 19 mariñeiros a salvo e "en perfecto estado". En concreto, fontes de Salvamento Marítimo informaron de que as autoridades españolas, en coordinación coas de Fidxi, despregaron un dispositivo para tratar de salvar a tripulación, despois de que o buque tivese problemas ao varar nun banco de area, comezando a afundir.

Os 19 mariñeiros subiron en dúas balsas salvavidas, aínda que tiñan comunicación con terra "en todo momento". Así, desde Fidxi solicitouse a un barco, denominado Scorpio 68, pertencente ao complexo hostaleiro Kokomo e utilizado para trasladar turistas entre as distintas illas, que se desprazase ao lugar, a 34 millas da capital, Suva. Grazas a iso, "de forma ordenada e tranquila", os tripulantes puideron ser rescatados "en bo estado".

Nesa mesma zona sucedeu en 2004 un accidente parecido co Balueiro III, un palangreiro de Orpagu, a Organización de Palangreiros Guardeses, que acabou afundindo. Tamén nesa ocasión a tripulación conseguiu salvarse —16 integrantes—.

O Zahara Dos é un pesqueiro galego de palangre de superficie de 37,5 metros de eslora e que ten como porto base o da Luz, nas Palmas de Gran Canaria. O buque, construído en 2002, está matriculado en Vigo e o seu armador é Atlanterra, cuxo domicilio social é a cidade olívica e o seu porto base está en Auckland, Nova Zelandia.

O subdelegado do Goberno estatal en Pontevedra, Abel Losada, celebrou que a tripulación estea "ben". Dos seus 19 tripulantes, unha parte son cidadáns residentes no Estado español, incluído o capitán. Ademais, explicou que o buque non chegou a afundir do todo, xa que tocou fondo nun atol e quedou varado, aínda que se abriu unha vía de auga que o fixo escorar.