O DEBATE | É necesario reducir o número de aeroportos que hai na Galiza?

Un avión aterra no aeroporto da Coruña. (Foto: Imaxepress).
É posíbel unha coordinación que racionalice a presenza de tres aeroportos na Galiza  ou hai que ir a un único aeródromo no país.

Ángel Gómez, enxeñeiro 

Os aeroportos son infraestruturas imprescindibles para a mobilidade da cidadanía pero tamén para garantir a competitividade dos territorios. isto non fai máis que evidenciarse nun mundo cada vez máos conectado. No caso de Galicia, esta afirmación ten un sentido especial, dada a súa situación periférica na península Ibérica e a demora con que se foron acometendo e desenvolvendo outro tipo de infrestruturas e dotacións, algunhas das cales acumularon un atraso importante.

O debate sobre a idoneidade de que Galicia conte con tres aeroportos, cuxa distancia máxima é de 150 quilómetros, é moitas máis veces unha controversia que un verdadeiro debate. Unha controversia alimentada moitas veces, por non dicir sempre, desde posicións localistas e curtopracistas, cada unha delas ocupada en mirar a punta do seu pé e non querer ver máis alá. Son controversias estériles, e non un verdadeiro debate sobre como e que debe ser o modelo aeroportuario galego. Controversias nas que moitas veces se expón a conveniencia de concentrar os recursos nun dos aeroportos, para potencialo fronte aos outros. Unha actitude que choca coa realidade que se pode observar en Euskadi. Alí cada unha das súas tres provincias ten o seu propio aeroporto. Biscaia ten o de Loiu, en Bilbao; Guipúscoa o de Hondarribia e Álava o de Foronda, en Vitoria-Gasteiz. A diferenza de tráfico a favor da terminal de Bilbo é evidente mais iso non provoca , para sorpresa do que pasa en Galicia,  enfrontamentos ou resentementos. E, ademais, na contorna de País Vasco hai outros aeroportos, como o de Pamplona ou o da Rioxa.

Perdemos de vista os cambios fundamentais sucedidos nestes anos, como a realidade dun aeroporto de Porto que é a verdadeira terminal  do noroeste da península ou como o AVE, coa súa redución de tempos e prezos, pon pernas para arriba o modo enq ue se entendía o de viaxar entre Galicia e Madrid e o resto de España. Hai sitio en Galicia para os tres aeroportos mais para iso habería que asumir a necesidade de coordinación no sistema aeroportuario autonómico e non de competición fratricida entre Lavacolla-Rosalía de Castro, Alvedro e Peinador.

Parece, neste sentido, que algo pode cambiar. En abril, tras a reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, no que está representado os concellos, a comunidade e a sociedade civil; o Goberno local de Santiago de Compostela defendeu a necesidade de elaborar un plan estratéxico para os tres aeroportos galegos para o período 2024-2028. Reclamou unha nova política aeroportuaria coordinada e volveu pór o foco na "dependencia clarísima" que hai coas rutas domtésticas que pasan por Madrid así como na necesidade de incrementar as súas conexións internacionais, non só para Santiago senón toda Galicia. Tamén demandou ao Goberno galego "implicación económica" como responsable da política de mobilidade e transportes. Unhas demandas que, en principio, non foron mal acollidas desde A Coruña e Vigo. Hai partido.


Carlos Muñoz, economista

Unha política aeroportuaria racional pecharía xa un bo número de aeroportos españois en base á racionalidade e a sostibilidade financeira. Ademais, cun horizonte onde para facer fronte aos retos do cambio climático, o transporte aéreo vai ser cada ez máis relegado nas políticas públicas en favor doutros, como o ferrocarril. Aí están as propostas de, para mitigar o cambio climático, de substituír 50.000 voos curtos ao ano por trens para aforrar 300.000 toneladas de CO2. Un informe que elaborou recentemente o Colexio Oficial de Enxeñeiros Aeronáuticos (COIAE) reduce a 0,2% as emisións que se aforrarían no transporte con esa supresión de voos cortos. Pero o debate xa está na mesa e tamén afecta a Galicia. 

Tradicionalmente os intereses de cada unha das tres cidades galegas con aeroporto —Compostela, Vigo e A Coruña— e dos seus respectivos hinterland (zonas de influencia) eran os que condicionaban en boa medida o debate sobre o sistema aeroportuario galego. Pero novos factores mudan desde hai uns anos a natureza dese debate, como son as melloras noutras infraestruturas (ferrocarril) e as mencionadas consecuencias do cambio climático que apuntan a reducir os voos.

Neste contexto,  e coa portuguesa Porto como unha terminal que colle cada vez máis forza, pode Galicia ter tres aeroportos? Non poucas voces no propio sector apostan por deixar un só aeroporto, o de Santiago de Compostela, que por centralidade e accesibilidade, á vez que capacidade operacional e comercial basta para cumprir, sobradamente, o seu papel de 'aeroporto rexional', tanto para tráficos de radio curto, como internacionais de radio medio peninsular, insular, norteafricano e europeo.

O Foro Económico de Galicia publicou en 2023 un interesante estudio, Galicia 2040: Cara Novos Sistemas de Planificación Urbana e Territorial, incidíase en que o futuro indica  unha perda de tráfico  dos aeroportos galegos en favor da rede de alta velocidade ferroviaria e sinalábase a in existencia dunha xestión unificada entre as tres terminais, algo no que cumpriría avanzar. O veciño aeroporto luso ofrece mellores prezos e moitos máis rutasa nivel internacional e non prognostica cambios, salvo que haxa unha nova estratexia de especialización e unha nova planificación. O chamado máis unha vez "minifundio aerportuario" en Galicia subsiste non só polos antes mencionados intereses localistas.

O Goberno galego está desaparecido neste debate. Aena, a empresa pública constituída en sociedade anónima, que xestiona os aeroportos de interese xeral; mantén a política de querer contentar a todos. Aprobou un plan de incentivos a tres anos para impulsar o incremento da oferta nos aeroportos. Nos aeroportos que tiveron menos de tres millóns de pasaxeiros en 2023, como é o caso da Coruña e Vigo, as aeroliñas quedarán exentas de pagar a tarifa por pasaxeiro de todos os viaxeiros adicionais aos de 2023 durante tres anos consecutivos. Pero a pregunta continúa esperando resposta: hai sitio para 3 aeroportos en Galicia?