Candela Vidal: "É necesario un servizo público de saúde mental que sexa forte e poida atendernos a todas"

Candela Vidal é unha estudante galega de Psicoloxía que acaba de crear unha conta de Instagram, baixo o nome  de @psico_critica, para divulgar coñecemento relacionado co eido da psicoloxía e coa saúde mental. O seu obxectivo é duplo: divulgar e dar saída as súas reflexións persoais. Polo de agora xa elaborou dúas publicacións sobre a chantaxe do medo e a perda ambigua. Os seus textos son extensos e didácticos, cun deseño estético moi coidado, e axudan a entender mellor a importancia da saúde mental.

Por que decidiu confeccionar unha conta de divulgación sobre saúde mental?

Xa levaba un ano publicando contido deste tipo na miña conta persoal. Decidín que quería aproveitar ese impulso para que o que compartía de psicoloxía chegase a máis xente e puidese suscitar reflexións. Ademais, as redes son unha portal de acceso para chegar á xente nova. Vou falar de saúde mental desde a miña perspectiva, que está atravesada tanto polo estudo como polas miñas experiencias persoais, ademais de pola miña actividade como militante en diversas asociacións, que me axudaron a interiorizar unha visión crítica da realidade. Como aínda comecei agora, non establecín todas as características que vai presentar a conta. Si que decidín facela en galego porque é a miña lingua, aínda que observo que as iniciativas do mesmo estilo que están feitas en castelán teñen máis alcance.

Que lle motivou a dar o paso agora de crear esta conta?

Como dixen, eu xa contaba co impulso natural de todo o que publicaba e reflexionaba nas miñas redes persoais. Ademais, en setembro vou comezar un mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria, e agora que estou un pouco máis libre quixen aproveitar para comezar, tamén de cara a darme a coñecer e poder aportarlle algo a xente. Quero darlle visibilidade ao coñecemento que aprendín nestes anos. O momento xurdiu de forma natural. 

Cal é o obxectivo que busca cumprir coa súa iniciativa?

O obxectivo é duplo: divulgar e dar saída as miñas reflexións persoais. Tamén criticar e posicionarme fronte a outras correntes da psicolxía coas que non estou tanto de acordo, como a psicoloxía positiva, que considera que no individuo están as causas e solucións de todos os seus problemas, e non lle da importancia as condicións da contorna . Posiciónome en contra diso, e quero transmitir unha visión crítica. Quero falar sobre cuestións relacionadas coa saúde mental e introducir reflexións xerais sobre a psicoloxía. Dentro da saúde mental centrareime en aspectos moi variados: cuestións relacionadas cos círculos afectivos, como mellorar a comunicación, cuestións de sexualidade, trastornos concretos....

Cando comezou a interesarse polo mundo da psicoloxía?

Penso que é algo que sempre me interesou. A miña nai é psicóloga, o meu pai estudou un ano de psicoloxía... Na miña casa hai moito material documental sobre o tema. É certo que antes de decantarme por este eido, estudei un ano doutra carreira que non me gustou. Ao final metinme en psicoloxía e a verdade é que estou moi contenta de telo feito.  A psicoloxía é un dos meus ámbitos de interese que pode permitirme axudar á xente. Aínda que nun principio non tiña claro cal ía ser a miña orientación laboral, o que estudei ao longo dos cursos sumado ás miñas propias experiencias fixeron que decidise decantarme pola psicoloxía clínica. Agora vou comezar o mestrado para converterme nunha psicóloga sanitaria.

Por que está cada vez máis no debate público a importancia da saúde mental?  

Estamos nun momento complicado no que están aumentando os problemas de saúde mental de modo  considerábel. É algo que afecta sobre todo a xente nova. Hai estudos recentes que din que o suicidio é xa a principal causa de morte entre as máis novas. A crise sanitaria e económica que sufrimos, sumada á incerteza sobre o futuro son factores negativos. O feito de que figuras públicas falen sobre o tema axuda a que o tema estea no foco e se rompa o estigma da terapia. Divulgar sobre saúde mental é positivo, pero é complementario da verdadeira terapia e do cambio social colectivo para cambiar as condicións de vida. É necesario un servizo público de saúde mental que sexa forte e poida atendernos a todas.