“Nin o Papa se libra da censura na TVG”

O blog 'Eu non manipulo' pon a escasa cobertura das declaracións de Francisco I nas que afirmaba que “nunca fun de dereitas” como exemplo da tesoura que se aplica na canle galega.

Na TVG sempre se deu cumprida cobertura de discursos, actos e opinións emitidas polos 'sumos pontífices'. Mais iso era cando os Papas cadraban na liña ao gosto do partido gobernante. Así, as recentes declaracións do Papa Francisco I a unha publicación xesuíta nas que afirmaba que “nunca fun de dereitas” e criticou a “obsesión” da Igrexa católica para co aborto, os anticonceptivos ou o matrimonio gay; apenas tiveron eco na TVG.

Mentres que a inmensa maioría dos medios a nivel galego, estatal e internacional abrían con esas declaracións e daban cumprida información, na canle galega optouse por “unha breve información é a revisión do papel da muller”, segundo indican desde o blog 'Eu non manipulo'.

“Parece que as opinións do Papa só interesan cando está na liña do ideario dos responsables de informativos, e cando son abertamente progresistas e lonxe do máis rancio conservadurismo da ultradereita non merece que se traten extensamente”, sinalan desde o blog.