Ninguén quere outra planta de residuos na área coruñesa

Mónica e Marta_ Xosé Ramón, Silvia, Daniel, José Luís e Manuel, na parcela afectada

A polémica polo proxecto de instalar unha planta de lixo na parroquia de Morás, no linde entre os concellos de Arteixo e Coruña, pon en alerta a todos os partidos e colectivos veciñais. O proxecto debería morrer na súa fase de tramitación na Consellaría de Medio Ambiente, pero o alcalde de Arteixo abriu unha guerra con Coruña polas instalacións contaminantes na fronteira entre concellos. 

Ninguén quere a planta de residuos en Santa Icía xunto ao Camiño dos Romeiros que comunica as parroquias de Morás e a Pastoriza alá nun alto desde o que se ve o mar de Arteixo e, ás costas, detrás dun outeiro e duns eucaliptos, o barrio máis mozo da Coruña, Novo Mesoiro, produto dos anos da burbulla, rapaces que xa son pais, urbanizacións que gañaron ao monte o que antes gañaban as empresas que fan cartos co lixo, cos detritos dun modelo de crecemento urbano que mata a paisaxe, contamina o ar e ten en permanente alerta á veciñanza en sitios coma este, o lugar de Feáns, que nalgún tempo foi un val calmo e gozoso, e hoxe, despois do bum e do crac, das décadas da industria pesada e das que seguiron cargando de tixolo a terra está rodeado dun polígono, dunha refinaría, de plantas de valorización (vertedoiros legais) por todas partes e vertedoiros ilegal onde cadra. Ninguén ten recordos xa do que era o val, a terra, o ar limpo e o Nordés que cheiraba a mar e non a petróleo frito ou calquera outra merda. 

 

A guerra de fronteira dos concellos da Coruña, ao leste, e de Arteixo, ao oeste, líbrase por unhas toneladas de merda que ninguén quere. A planta que proxecta unha empresa con antecedentes de ir sementando estas comarcas de algaradas veciñais non ten padriños. Nin sequera o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo (PP), maioría absoluta, unhas arcas municipais ben fornecidas polas taxas que inda paga aquí a gran multinacional galega, Inditex, e outras empresas que consomen o ambiente, como a Repsol, cun porto exterior que ía traer ouro das Américas e bateu no mar con miles de dados de formigón. Máis merda. 

 

Calvelo pisou un charco e logo caeu nunha poza despois de que o BNG, a ambos lados da fronteira, levantase a lebre no monte dos Romeiros. Era verán e a empresa metera na Xunta un proxecto de impacto ambiental moi discreto, reducido e de trámite rápido. Comezaron as protestas. Asociacións de veciños en pé en Morás-Santa Icía, a de Novo Mesoiro, a de Feáns, no Castro de Elviña, na Zapateira, os veciños da Urbanización Breogán, mesmo o Tecor de Elviña. Todas mirando cara Arteixo. Entón apareceu a Marea Atlántica, o partido que sustenta o goberno municipal da Coruña, que prometera tanta limpeza que ao alcalde de Arteixo aquilo lle pareceu que rebordaba. E dixo que eles, que as veciñas e veciños de Arteixo, cos seus polígonos, o porto exterior e os vertedoiros ilegais –“hainos en Suevos, na Pastoriza, e tamén en Morais. Parece que son empresas que fan obras na Coruña e, pola noite, veñen tirar aquí os restos”, explican fontes do concello- xa teñen bastante e por riba deben aturar Albada e Conteco, dúas plantas de residuos, nunha lomba sobre a Furna do Navío, na fronteira pero do lado leste, que feden e contaminan en dirección ao oeste. E foi a guerra. 

 

A guerra de fronteira dos concellos da Coruña, ao leste, e de Arteixo, ao oeste, líbrase por unhas toneladas de merda que ninguén quere

 

“Arteixo non promove nada. É unha iniciativa da empresa Gesmaga. Non se trata dun vertedoiro, senón dunha planta pechada nunha parcela de 3.000 metros cadrados. E non se pode ter esa dobre vara de medir: dicir que se está en contra dunha planta de residuos en Arteixo porque toca á Coruña, cando está Albada sen rematar, malia as sentenzas, e Conteco tamén a ceo aberto. E aquí temos 141 vertedoiros ilegais detectados con despoxos que seguramente veñan da cidade”, din as fontes municipais. Carlos Calvelo recuou un pouco e agora advirte que inda que o informe técnico da Xunta diga que si a Gesmaga, ao Concello lle queda a carta da licencia.

 

O informe técnico da Xunta é o documento polo que están esperando todos. “Non poden darlle para adiante”, opinan Daniel e José Luis, que representan a Asociación de Veciños de Morás esta terza feira nunha visita rápida ao anaco de monte que Gesmaga comprou xunto o Camiño dos Romeiros transitado hoxe por ciclistas e corredores. Con eles está Xosé Ramón, de Feáns, que di que non entende a que tanta planta se xa non hai residuos porque parou a construción e que, en calquera caso, “hai outras plantas no país”, ben perto, como a de Somozas, na que investiron 21 millóns “e despois a Xunta retirou a contrata porque dicía que non estaba aproveitada. Pois que metan isto alí”. Nin o enclave, un alto sometido aos ventos, nin os accesos, un camiño para facer bicicleta ou carreira a pé, xa non hai romeiros; nin os materias que din que se van tratar “pero logo veremos o que meten” convencen os veciños, que están “molestos”, sinala Mónica, a presidenta das veciñas de Novo Mesoiro. “Que a poñan en outro sitio”, di Mónica, “ou que a aproveiten as plantas existentes”, suxire Daniel. 

 

A Marea Atlántica organizou onte unha visita polo mesmo lugar guiada pola concelleira María García, responsable de Medio Ambiente. A Marea Atlántica e o BNG presentarán iniciativas no pleno da vindeira segunda feira para que se paralice o proxecto. O Bloque tamén chamará a atención do Parlamento. “Estas instalacións xeran po, contaminación acústica e un intenso tráfico de camións para o que as infraestruturas da zona preparadas. Aínda que a letra da lei o permite, non ten sentido escoller unha ubicación coma está habendo polígonos industrias”, din desde Marea Atlántica e sinalan Beatriz Mato.

 

A conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, o seu departamento, debe decidir sobre o informe presentado por Gesmaga ao que todas as partes, a comezar polos veciños, presentaron alegacións. Segundo a Marea, Mato “cambiou de opinión ao coñecer a mobilización veciñal”. O alcalde de Arteixo ten a vista posta tamén na concelleira, a que se espera como próxima candidata do PP nas municipais na Coruña, para que o saque da lea. Pero a guerra está declarada. “O goberno da Coruña leva reclamando o peche do vertedoiro de Nostián desde o 2015, pero a competencia é de Albada e a competencia de sancionalo é da Consellería de Medio Ambiente. En canto a Conteco, é, abofé, unha instalación problemática”, valoran desde a Marea.

 

A Marea Atlántica organizou onte unha visita polo mesmo lugar guiada pola concelleira María García, responsable de Medio Ambiente

 

“O estudo de impacto ambiental é un desastre”, avalían Manuel Méndez, responsable local do BNG na Coruña, e Silvia Seixas, concelleira nacionalista en Arteixo. “Eles chámanlle a isto unha planta de valorización de residuos non contaminantes cando meten o chumbo, e despois falan de outros metais, sen especificar”. E desde o Camiño dos Romeiros indican a norte e a sur mámoas e o castro de Elviña, elementos patrimoniais que son tratados como simples montóns de pedras. “Mesmo hai quen di”, protestan as veciñas, “que como aquí o ar xa está sucio, pois veña plantas de lixo”. É o que ten estar a beira das cidades. En Uxes, tamén ameazado, xa houbo protestas, polo de agora tímidas, por unha liña de alta tensión que vai cruzar as Mariñas coruñesas desde Abegondo, un pouco máis o sur, o concello máis “perforado” do país, presumen con sorna alí, ataniscado polas infraestruturas da enerxía eléctrica, do gas, dos camiños de ferro e asfalto. Son as aforas das urbes, caldeiros de lixo onde prosperan empresas que fan limpeza e cartos e, ás veces, máis cartos que limpeza. Por iso non as queren.