A segunda feira, persoas musulmás protestarán contra os atentados

“No tinc por”, unha gran mobilización percorrerá Barcelona o sábado

[Imaxe: SG] Carles Puigdemont asinou no libro de condolencias

Namentres continúan as investigacións policiais sobre os atentados de Barcelona e Cambrils, veñen de ser convocadas dúas manifestacións contra o terrorismo. Baixo o lema “No tinc por” (Non temos medo), a mobilización convocada polas institucións catalás terá lugar o sábado. E esta segunda feira, ás 19h, persoas musulmás protestarán contra os atentados.

Dúas mobilizacións terán lugar na semana que entra en Barcelona contra os atentados perpetrados nesta cidade e en Cambrils. Esta segunda feira, 21 de agosto, ás 19h, partirá da Plaça de Catalunya unha manifestación baixo o lema “Musulmáns contra o terrorismo”, un protesto convocado por máis de 15 entidades.

 

Aliás, o sábado decorrerá polas rúas de Barcelona unha manifestación, que se prevé multitudinaria, da que deron conta o president da Generalitat, Carles Puigdemont, e mais a alcaldesa, Ada Colau. Esta mobilización partirá ás 18h dos Jardinets de Gràcia para rematar na Plaça de Catalunya baixo o lema “Non temos medo”.

 

Puigdemont nega “discrepancias” entre os corpos policiais

 

O anuncio da convocatoria da manifestación tivo lugar o pasado sábado, día en que o president aproveitou para negar que discrepancias entre corpos policiais, “a colaboración é magnífica e a coordinación é absoluta”.

 

Puigdemont fixo estas declaracións após o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, afirmara que a célula que perpetraría os atentados se podía dar por desartellada, e logo de que o conseller do Interior, Joamquim Forn, sinalara que os Mossos non daban por desartellada a célula porque hai unha persoa en busca e captura. “Quizais o ministro non se expresou correctamente”, apuntou o president.

 

Puigdemont, Colau e Carmena, na misa con Rajoy e os reis

 

Por outra banda, na mañá do domingo tivo lugar unha misa polas vítimas na Sagrada Familia en que participaron o propio Puigdemont e Ada Colau, amais de Manuela Carmena, alcaldesa de Madrid, os reis de España –que o sábado se fotografaron nos hospitais con crianzas feridas nos atentados–, o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o seu homólogo de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa e o primeiro ministro do país luso, António Costa.

 

A presenza do president da Generalitat, ao igual que a de Colau e Carmena esperta múltiplas reaccións nas redes sociais.