A nogueira do Camiño Vello de Triacastela, nova árbore senlleira da Galiza

A nogueira do Camiño Vello, Triacastela. (Foto: Xunta da Galiza).
O exemplar conta nove metros de altura, sete metros de circunferencia e unha inclinación de 40 graos cara ao leste

A Xunta da Galicia vén de incorporar ao Catálogo galego de árbores senlleiras a nogueira do Camiño Vello (Juglans regia), situada no concello de Triacastela.

O exemplar destaca polas súas características dendrométricas, a súa singularidade e a súa beleza.

As súas características

A nogueira, con nove metros de altura, sete metros de circunferencia e unha inclinación de 40 graos cara ao leste, está enraizada directamente na rocha e localízase ao carón da Casa da Ponte, unha vella ferraría onde en 1812 a Xunta Superior da Galiza instalou un hospital de tránsito para atender a soldados enfermos que loitaban contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia.

Atópase, ademais, nun cruce de camiños, entre eles o que leva a Santiago, e que permite aos peregrinos escoller entre ir a Sarria por San Xil ou por Samos.

O seu vasto touro e as súas cavidades, algunhas delas completamente abertas, mostran o inescrutábel paso do tempo, as inxerencias do clima e dos insectos que nela habitan, apunta a Xunta nun comunicado.

Catálogo de árbores singulares

O Catálogo galego de árbores singulares é unha ferramenta aberta e en constante actualización. De feito, a inclusión de elementos novos é resultado tanto das propostas dos seus propietarios como das Administracións, de centros de investigación, asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do o seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia especial.

Na actualidade, forman parte do catálogo un total de 184 elementos -145 exemplares e 39 formacións arbóreas- pertencentes a 81 especies diferen