'Implícate', este domingo no Principal de Compostela

Noite de música e palabra solidarias

Imaxe dun proxecto desenvolvido por Implicadas no Desenvolvemento na India. Foto: cedida.

Como todos os anos desde 2006, Implicadas no Desenvolvemento –organización crítica e feminista de cooperación ao desenvolvemento– apresenta o seu espectáculo Implícate. O acontecemento, que chega á súa XIII edición, terá lugar este próximo domingo 14 ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde as persoas asistentes poderán disfrutar dun cóctel artístico que mesturará música, teatro, danza e poesía.

“A misión principal do espectáculo é visibilizar o traballo de Implicadas, que en 2018 cumpre 20 anos como organización, para que a cidadanía poida achegarse ao noso labor a través da cultura e da arte”, explica María Reimóndez, unha das fundadoras da entidade. A entrada custa 12 euros e pode adquirirse na plataforma dixital de Abanca. Ademais, a ONG habilitou unha fila cero coa que realizar achegas de 5 euros.

 

Contra o feminicidio feminino na India

 

Segundo explica Reimóndez, os fondos recadados destinaranse aos programas de cooperación ao desenvolvemento que manteñen en Salem, no sur da India. “Temos un proxecto pola erradicación do infanticidio feminino en marcha desde o ano 2007, que é unha das formas máis agresivas da violencia de xénero, amais doutro mais sobre o empoderamento de mulleres no mesmo distrito, en Tiruchy”, indica.

 

O festival conducirano Yolanda Castaño e Mon Santiso, que introducirán o acompañamento musical a cargo da artista vangardista Mounqup, a banda Atrás Tigre e a voz consolidada de Sonia Lebedynski. “Tentamos que, dentro do estabelecido que está o espectáculo, cada ano o cartel sexa diferente para poder ofrecerlle ao público unha combinación artística que doutro xeito non poderiamos ver no mesmo escenario. Apostamos por un equilibrio de xéneros”, comenta María Reimóndez.

 

Deste xeito, o público poderá gozar do acervo tradicional da danza galega coa actuación da formación Xacarandaina. No eido teatral, o actor ISI deleitará as persoas presentes cunha interpretación cómica mentres que a actriz Marta Iglesias fará a contraparte cunha perspectiva máis crítica e feminista. Por último, Implícate tamén contará coas voces poéticas de autores novos e consolidados da nosa literatura: Alicia Fernández, Verónica Martínez Delgado, Ismael Ramos e Suso de Toro.

 

Todas as persoas participantes no festival colaboran de xeito desinteresado. O evento conta coa colaboración do Concello de Santiago, do Teatro Morcego e doutras organizacións e institucións galegas. Implicadas no Desenvolvemento reafirma o seu compromiso nun contexto que María Reimóndez ve como recesivo: “Desde 1998 até agora vemos un retroceso tremendo nas políticas de financiamento público á cooperación e desenvolvemento, polo que vemos esencial conseguir aumentar o compromiso social”.