Está o teu nome entre os candidatos a integrar unha mesa electoral o 28-M?

Mesa electoral en Burela, nos comicios autonómicos de 2020. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Quen forme parte delas cobrarán 70 euros por dirixir a votación e realizar o reconto das papeletas.

Este sábado comezaron a celebrarse nos distintos concellos do país os sorteos para designar os membros das mesas electorais que funcionarán nos comicios autonómicos e municipais do próximo 28 de maio.

Cada mesa electoral esta composta por un presidente e dous vogais, pero neses sorteos non só se elixen tres persoas por mesa, senón nove, xa que tamén se designan dous suplente por posto.

Conforme á lexislación, o nomeamento dos integrantes da mesa electoral é competencia de cada concello, e elíxense mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar. A tarefa está asignada ao Pleno da corporación, pero non hai obxección para que o referido sorteo poida realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que se lle delegou a competencia.

Quen non entra no bombo?

No sorteo entran todas as persoas censadas na sección electoral correspondente que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir dos sesenta e cinco anos de idade poderase manifestar a renuncia no prazo de sete días.

Non entran no sorteo as persoas que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de votantes e a votación. Tampouco poderán formar parte das mesas quen sexa candidatos nas eleccións.

E se pido voto por correo?

A crenza de que solicitar o voto por correo exime de entrar no sorteo para formar parte das mesas electorais está moi estendida mais non é certa porque non exclúe a persoa solicitante da lista do censo electoral, polo tanto, poden saír elixidas.

O único que evita a solicitude do voto por correo é que a persoa demandante poida exercer o seu dereito ao voto de forma presencial.

Resido no estranxeiro, pódenme convocar?

O sorteo para decidir os integrantes das mesas electorais realízase entre os membros do censo electoral que non se achen privados, de forma definitiva ou temporal, do dereito de sufraxio. E este está composto polo censo dos electores residentes no territorio e polo censo dos electores residentes-ausentes, aqueles que viven no estranxeiro e que teñen dereito de voto.

Esta fase de selección das mesas acaba o próximo 3 de maio de 2023 e as persoas designadas recibirán unha comunicación nos tres días seguintes ao sorteo, aínda que se se produce máis tarde, o atraso non será causa invalidante da designación.

Cargos obrigatorios

O presidente ou presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Os cargos das persoas que integran as mesas electorais son obrigatorios, incluíndo os suplentes, aínda que hai unha serie de motivos polos que a persoa designada pode presentar escusas ante a Xunta Electoral de Zona, que debe dar a súa visto e prace.

Os membros das mesas, titulares e suplentes deberán presentarse nos colexios electorais antes do inicio da xornada electoral e os tres que queden cobrarán unha dieta de 70 euros polo seu labor de dirixir a votación e realizar o reconto das papeletas.

A designación como persoa elixida para formar parte da mesa para un proceso electoral non supón a continuidade para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, poida ser elixida de novo en procesos consecutivos.