Praias non aptas para impacientes
De seguro quedan moitas xornadas de bo tempo na Galiza, pero este ano máis que nunca atopar un anaco de area para pór a toalla está a resultar difícil. Hai que buscarse a vida dentro do xogo do tres en raia que elixiu cada concello para gardar as distancias entre os bañistas.
Nun principio e até o de agora houbo sistemas que conlevaron queixas e déronse incumprimentos, se ben detectáronse outras ferramentas que funcionaron particularmente ben. Unha das maiores problemáticas deuse no municipio turístico de Sanxenxo, no que moitas imaxes amosaron como a xente facía caso omiso dos lindes marcados con cordas.
A polémica estivo viva e aínda se mantén, a pesar de que o Concello asegure que todo funciona ás mil marabillas.
"O Goberno local está moi satisfeito até o de agora polo comportamento impecábel dos veciños e visitantes. A xente está a cumprir coas medidas de seguridade na maioría dos casos", explican no Consistorio.
As mesmas fontes subliñan que "para o control de capacidade e medidas de seguridade, contratáronse 52 informadores" e que mesmo hai drons informativos. Cunha regulación con semáforos, A Coruña foi das grandes sorpresas e exemplo de éxito, pero até a Policía Local fixo garda. Nalgún momento os informadores precisaron ese apoio, mais "o nivel de satisfacción é moi alto".
"O sistema non presentou ningún tipo de deficiencias nin estructurais nin de software", afirma a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. Comprobouse que "está corrixindo a capacidade cando a marea é baixa ou alta, cando hai mareas vivas...".