Ensino

Non deixar dar clase, faltar e agresións verbais, principais conflitos percibidos polo alumnado galego

Alumnado de Primaria nunha aula. (Foto: Nós Diario).

O alumnado dos ensinos obrigatorios sinala que o recreo é o momento no que se producen máis conflitos e que son os arredores do centro o lugar onde xorden con máis frecuencia.

Non deixar dar as aulas (32,4%), faltar a clase sen causa xustificada (31,9%), agredir verbalmente (31%), chegar tarde (29,2%), dicir mentiras sobre alguén (25,3%), pór motes ou rir dun compañeiro (24,3%) e ameazar ou insultar (21,7%), son os principais conflitos de convivencia percibidos polo alumnado galego. Así se desprende do informe de resultados da IV Enquisa de Convivencia Escolar e Hábitos Sociais elevado esta pasada quinta feira ao Consello da Xunta, segundo o que 90% das e dos enquisados consideran que os conflitos son pouco frecuentes e non representan un problema xeneralizado.

Este documento, do que informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa desta segunda feira posterior á reunión semanal do seu Goberno, explica que se observa un aumento en todos os colectivos da percepción en relación coa mellora da convivencia escolar en comparación cos resultados de anos anteriores.

Trátase do maior estudo que se fai na Galiza nesta materia e ten unha fiabilidade de 99%. O cuestionario dirixiuse ao profesorado, alumnado a partir quinto curso de Primaria até Bacharelato e FP, persoal non docente e familias, e no participaron un total de 172.544 familias.

Este informe, que será presentado esta terza feira no Consello Galego para a Convivencia Escolar, inclúe entre os conflitos menos habituais as agresións físicas (12,4%), o consumo de drogas —como alcol e tabaco— (12,2%), entrar e saír da aula sen permiso (11,1 %), roubar diñeiro ou material (10,7%), provocar, ridiculizar ou insultar o profesorado (9,32 %), ameazar ou insultar usando as TIC (8,8%), acosar ou ciberacosar por computador ou móbil (7,7%), non cumprir as normas de convivencia do centro (3,6%) e observar actos vandálicos con danos no centro (2,3%).

O alumnado dos ensinos obrigatorios sinala que o recreo é o momento no que máis conflitos se producen e que son os arredores do centro o lugar onde xorden con máis frecuencia.

Ademais, 88,5% do profesorado consultado manifesta que adoita resolver os conflitos dialogando para tentar chegar a acordos ou tratando o conflito entre todos (76,5%). No caso das familias, máis dun 90% das consultadas afrontan a resolución acudindo ás e os docentes.

Entre outros datos, esta enquisa sinala que máis de 80% do alumnado respecta o profesorado, atende ás explicacións, fai as tarefas encomendadas e cumpre coas normas de convivencia. Ademais, os resultados mostran que Galiza é un país moi sensibilizado e concienciado neste ámbito.