“Non somos cifras, somos o futuro”: a comunidade do IES de Brión intensifica a loita contra o recorte de docentes

ies brion

A finais da semana pasada un grupo de pais e nais de alumnos do IES de Brión, concello de 7.000 habitantes na comarca de Santiago, iniciaban un feche para denunciar os recortes no profesorado do centro. Un protesto que se sumaba á demisión da dirección dese centro de ensino para denunciar iso mesmo: a escasez de docentes. Esta semana comezaba coas aulas baleiras ao non asistir o alumnado para reivindicar máis profesorado. Esta terza feira, de case 390 matriculados, apenas 14 asistiron ás aulas.

 

Nunha asemblea á que asistiron máis de 200 persoas que tivo lugar esta terza feira os presentes acordaron manter fechamento e protestos.

 

Nesta loita coinciden pais e nais (representados pola ANPA Pedra Viada), profesorado e alumnado. En xogo está ter un ensino “decente” e para iso, remarcan, “fan falla docentes”. O centro solicitaba 10 docentes mais desde a Xunta ofrecéronse 7. Fica así un cadro de 34 profesores. Mais, defendían desde o centro, non abonda, precisábanse tres máis.

 

Desde a CIG-Ensino afirman que, para aklén do IES de Brión, detectaron problemas de falta de persoal na comarca de Compostela tamén no CEIP de Arcediago en Santiso, no CEIP Castelao de Ordes e no CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba.