crise dos pellets

As polémicas palabras da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez: "Non tardamos tanto en subir o nivel de alarma"

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez (Foto: Xoán Crespo).

Segundo Teresa Ribera a petición de axuda da Xunta da Galiza "non se concreta aínda en nada particular, salvo unha referencia xeral a que" o Goberno español faga "esforzos para recoller os pellets en alta mar" tras a vertedura.

A conselleira de Medio Ambiente e vicepresidenta segunda da Xunta da Galiza, Ángeles Vázquez asegurou esta cuarta feira nunha entrevista que “non tardaron tanto en elevar o nivel de alarma” do nivel 1 ao 2.

Fíxoo nunha conversa na Cadena Ser na cal cargou as culpas no Executivo español asegurando que é responsabilidade deste enviar axuda á Galiza. A pesar de a Xunta non ter solicitado “nada en concreto” como manifestou a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera tamén esta cuarta feira.

Segundo esta, a petición de axuda da Xunta da Galiza "non se concreta aínda en nada particular, salvo unha referencia xeral a que" o Goberno español faga "esforzos para recoller os pellets en alta mar" tras a vertedura.

"Imposíbel"

"Cousa que, como o mesmo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recoñecía na carta que enviou aos concellos, é imposíbel polo tamaño dos pellets, salvo que houbese bolsas de gran tamaño que se puideron identificar", subliñou Teresa Ribera nunha entrevista concedida a RNE.

Neste sentido, remarcou que Salvamento Marítimo fixo xa "uns cuantos voos de recoñecemento, segue as imaxes por satélite e non son visíbeis" e engadiu que "moi dificilmente" se van poder recoller no mar. "É practicamente imposíbel", remachou, para despois engadir que "hai xa semanas que as correntes mariñas pódenas levar dun sitio a outro. Por iso, precisamente, a alerta non salta até que non tocan terra. É o momento en que se fai visíbel a aparición deses pellets".